España
O conselleiro de Educación valenciano advirte que non retirará a orde de Cidadanía en inglés
O conselleiro de Educación valenciano, Alejandro Font de Mora, afirmou que "obviamente non se retirará a orde de Educación para a Cidadanía en inglés", en resposta ás mobilizacións que están realizando os sindicatos STE-PV, CC OO e FETE-UGT na Comunidade Valenciana.
Fonte: Levante
A proposta lingüística de CiU para o Concello de Barcelona non se somete a votación
A proposta lingüística de CiU para o Concello de Barcelona, que pretendía xeneralizar o catalán a todas as "tarefas e relacións" do Concello, non se someteu finalmente a votación. Co anunciado voto en contra do PP e a negativa de última hora do PSC, o grupo municipal de Xavier Trias, consciente da non viabilidade da aprobación, decidiu retirar a proposta.
Fonte: El Mundo
Dous terzos dos alumnos españois de portugués están en Estremadura
Dous terzos dos alumnos españois de portugués atópanse en Estremadura, rexión en que case 10.000 persoas estudan a lingua portuguesa, grazas a unha aposta pública iniciada na década de 1990.
Fonte: Lusa
A Academia de la Llingua Asturiana presenta “Xeitu”, un novo manual para aprender asturiano
A Academia de la Llingua Asturiana presentará en Llangréu, o libro "Xeitu. Manual pal deprendimientu de la llingua asturiana", editado pola propia institución.
Fonte: Asturnews
Seguros Lagun Aro patrocinará a primeira gramática en rede en éuscaro
A Universidade do País Vasco e Seguros Lagun Aro, a través da recentemente creada Fundación Lagun Aro, asinaron un convenio de colaboración para apoiar o proxecto da primeira gramática en rede en éuscaro (Euskal Gramatika Sarean), iniciativa que leva adiante o Instituto de Euskara da Universidade do País Vasco (UPV) que dirixe o lingüista e ex reitor da UPV Pello Salaburu.
Fonte: Diario Vasco
O Concello de Bilbao organiza actividades destinadas ao alumnado de primaria e secundaria para promover o uso do éuscaro
Viaxar ao País Vasco francés, ver unha película desde o teu pupitre ou aprender a practicar os deportes máis propios da terra como a sokatira ou o remo. Son só algunhas das actividades que lles propón o Concello de Bilbao aos alumnos de Primaria e Secundaria. Participarán nesta iniciativa uns 16.000 estudantes, cun obxectivo en común: promover o uso do éuscaro a través do ocio máis accesible.
Fonte: El Mundo
O Concello ilerdense de Solsona pídelles de novo aos habitantes que lles falen en catalán ás persoas de fóra
O Concello de Solsona puxo en marcha unha nova campaña para pedirlles aos cidadáns que lles falen en catalán ás persoas que chegan á vila no canto de facelo en castelán. A campaña, que se alongará durante uns dous meses, levarase a cabo a través de medios de comunicación locais como a emisora de radio Solsona FM ou a revista municipal El Portal.
Fonte: Avui
O BNG pide a inclusión das linguas cooficiais na UNED
O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, vén de presentar unha iniciativa na que lle pide ao Goberno que 'impulse, con carácter de urxencia, a plena incorporación das linguas cooficiais do Estado na UNED, tanto nas teses de doutoramento, como na docencia e publicacións internas'.
Fonte: A Nosa Terra
A Xunta de Goberno de Xixón desestima a alegación da Unidá Nacionalista Asturiana sobre a Ordenanza do uso do asturiano
Presentada a Ordenanza de uso do asturiano de Xixón, Unidá Nacionalista Asturiana presentou unha alegación na que se solicitaba “a incorporación de compromisos económicos á ordenanza”, segundo explicou o concelleiro Santiago Martínez Argüelles.
Fonte: Asturnews
A Xunta pola Defensa de la Llingua rexeita o minor de asturiano e esixe un título de grao de lingua en Filoloxía
A Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana considerou "irrenunciable un título de grao en Filoloxía Asturiana", polo que mostrou o seu rexeitamento a que "o asturiano quede reducido a un 'minor', como propón o decano, porque suporía una marcha atrás inadmisible doce anos despois de que a institución aprobase a creación dunha licenciatura e non supón o necesario esforzo para situar a lingua no espazo académico que lle corresponde".
Fonte: Asturies.com
Boletín
Subscríbase al boletín