España
O catalán segue sendo a materia pendente da Administración Xeral do Estado
O catalán mellora, pero continúa sendo unha materia pendente para os organismos instalados en Cataluña que dependen da Administración do Estado. A enquisa sobre usos lingüísticos nas institucións de Cataluña 2007, elaborada pola Secretaría de Política Lingüística a partir de 1159 entrevistas, pon en evidencia que os organismos que dependen do Goberno español son as intitucións que menos utilizan o catalán. Aínda que teñen case a metade dos rótulos escritos nesta lingua, só se utiliza no 43 % dos documentos de difusión externa dun servizo ou produto.
Fonte: Avui
O presidente da Generalitat de Catalunya defende o uso do catalán en todos os ámbitos e rexeita que sexa algo folclórico
O presidente da Generalitat de Catalunya, José Montilla, defendeu que a lingua catalá poida ser usada en todos os ámbitos da sociedade, porque "é de todos e é para todo", malia que haxa persoas ás que lles gustaría "vela reducida a un elemento folclórico, doméstico ou meramente coloquial".
Fonte: La Vanguardia
O Departamento de Educación vasco di que se está culminando a euscaldunización dos docentes
O programa Irale, deseñado polo Goberno vasco hai máis de 15 anos para euscaldunizar o profesorado, está tocando ao seu final. Así o asegura o Departamento de Educación, que resalta que o 79 % dos 5000 profesores da rede pública que liberou desde 1994 ata 2008 para euscaldunizarse conseguiu o perfil lingüístico 2, que faculta para dar clases na lingua vasca. En canto ao perfil lingüístico 1 (permite manter un nivel de conversación coloquial, pero non se poden dar clases), obtívoo un 88 % dos 6000 profesores matriculados.
Fonte: El País
O viceconselleiro de Política Lingüística vasco insiste en que o decreto que obriga as empresas a atender en éuscaro é ponderado
O viceconselleiro de Política Lingüística vasco, Patxi Baztarrika, insistiu en que o decreto que obriga a medianas e grandes empresas a garantir a atención en éuscaro aos seus clientes nun prazo de catro anos e recolle sancións en caso contrario é "ponderado e razoable". Por iso, acusou o PP e o PSE de practicar o "darwinismo lingüístico" e de ir en contra dos dereitos dos consumidores ao tratar de derrogar esa normativa no Parlamento.
Fonte: El País
Un estudo afirma que as persoas bilingües distinguen mellor os sons do seu idioma
As persoas que son capaces de percibir unha segunda lingua como un nativo tamén son mellores á hora de distinguir os sons da súa propia lingua, segundo un estudo do Grupo de Investigación en Neurociencia Cognitiva (GRNC) vinculado ao Parc Científic de Barcelona que se publicará na edición electrónica da revista Proceedings of the National Academy of Sciences.
Fonte: Galicia Hoxe
Centos de estranxeiros aprenden valenciano en tres cursos
Cerca de 180 estranxeiros procedentes de Latinoamérica, principalmente de Bolivia, Venezuela, República Dominicana e Ecuador, realizaron o curso de valenciano elemental, de 40 horas, impartido pola Asociación de Venezolanos en Valencia (Venenval).
Fonte: Las Provincias
O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña rexeita que o catalán deba utilizarse en todas as actividades de acollida matinal
O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña nega que a Generalitat poida condicionar o outorgamento de subvencións ás asociacións de nais e pais para realizar servizos de acollida matinal nas escolas e garderías públicas a que "todas" as actividades que se realizan durante esa franxa extraescolar deban facerse exclusivamente en catalán.
Fonte: La Vanguardia
A edición en catalán de El Periódico de Catalunya obtén o Premi Nacional de Premsa
A Generalitat de Catalunya distinguiu a edición catalá de El Periódico de Catalunya co Premi Nacional de Premsa como recoñecemento aos seus 10 anos de traxectoria, nos que a empresa editora deste medio demostrou "a viabilidade técnica e económica" de manter o proxecto informativo do diario en dúas linguas diferentes.
Fonte: El Periódico de Catalunya
A Consellería de Educación valenciana convoca cursos de valenciano para os empregados públicos da Generalitat
A Consellería de Educación valenciana convocou os cursos de promoción de coñecementos de valenciano correspondentes á campaña 2008-2009 dirixidos a funcionarios e empregados públicos non docentes da Generalitat.
Fonte: Europa Press
O 80 % dos institutos de Valencia encérrase en protesta por impartir Cidadanía en inglés
A convocatoria de "encerros nocturnos" en todos os institutos públicos valencianos en protesta pola imposición de ter que dar e recibir a versión inglesa de Educación para a Cidadanía ideada pola Generalitat Valenciana estendeuse como un regueiro de pólvora e foi secundada nun 80 % dos institutos de referencia valencianos por todos os estamentos educativos: alumnos, pais e profesores.
Fonte: El País
Boletín
Subscríbase al boletín