España
Preséntase o dicionario básico occitano-catalán, glosario catalán-occitano
O secretario de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, Bernat Joan, e o presidente da Fundación Occitanocatalana, Joan Amorós, presentaron o Diccionario básico occitano-catalán, glosario catalán-occitano dos autores Mar Bel, Carles Castellanos e Manel Zabala.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Unha asociación de inmigrantes colombianos das Baleares inicia unha campaña de boicot aos produtos etiquetados en catalán
A Asociación Colombia Unida en Baleares (Asocolombia) iniciou unha campaña de boicot aos produtos etiquetados en catalán e aos establecementos rotulados neste idioma a través dun envío masivo de correos electrónicos auspiciados polo presidente da entidade, José William Vega García, que chega a vincular a inmersión lingüística en catalán co consumo de drogas.
Fonte: Avui
Unha campaña pretende implicar os marroquís de dous municipios mallorquíns no uso da lingua catalá
Fomentar a comprensión e o uso da lingua catalá entre a numerosa poboación magrebí do municipio de Sa Pobla é o obxectivo do novo proxecto de acollida lingüística que levarán a cabo a partir deste mes o Consell de Mallorca e o Concello de Sa Pobla, un dos dous consistorios mallorquíns, xunto ao de Sant Llorenç des Cardassar, que exercerán de territorios piloto para poñer en práctica o proxecto.
Fonte: Diario de Mallorca
O PNV presentará mocións en concellos socialistas para probar "a ausencia total de compromiso" do PSE co éuscaro
O PNV anunciou que presentará mocións nos concellos nos que goberna o PSE-EE para probar "a ausencia total de compromiso" deste partido co éuscaro. Con estas iniciativas, nas que pedirá "a implicación" dos consistorios na promoción e uso da lingua vasca, a formación nacionalista pretende reclamarlle ao PSE-EE que abandone "as postas en escena preelectorais e retire a maquillaxe política", para mostrar "a súa verdadeira cara en todo o relacionado" coa lingua vasca.
Fonte: Europa Press
O 25,7% dos alumnos da Universidade Pública de Navarra ten un nivel bo ou moi bo de éuscaro
O 25,75% dos alumnos que actualmente están matriculados na Universidade Pública de Navarra asegura ter un nivel bo ou moi bo de éuscaro, mentres que o 56,6% non coñece esta lingua e o 12,78% di posuír coñecementos básicos. No curso 2000-2001, a porcentaxe de estudantes con coñecementos básicos do éuscaro era do 8,05% e a dos que contaban cun nivel bo ou moi bo era do 17,95%. O 74% afirmaba non falar éuscaro.
Fonte: Diario de Navarra
Sindicatos do ensino de Valencia, Cataluña e Baleares presentan un manifesto en defensa do catalán
Os sindicatos de traballadores do ensino máis representativos nos ámbitos territoriais de Cataluña (Ustec-Stes), das Illas Baleares (STEI-y) e da Comunidade Valenciana (Stepv-Iv) presentarán un manifesto conxunto en defensa da lingua catalá, segundo informaron nun comunicado fontes sindicais.
Fonte: EcoDiario
Un congreso reúne en Bilbao a expertos en linguas minoritarias
O presidente de Euskaltzaindia, Juan Urrutia, presenta no Palacio Euskaldina de Bilbao o primeiro relatorio (Euskaltzaindia, academia dunha lingua minoritaria e os seus desafíos nun mundo globalizado), nun congreso de dous días de duración que reunirá a expertos internacionais. A reunión, convocada baixo o lema Desafíos das linguas minoritarias na era da globalización, foi organizada por Eudel, o Goberno e as tres deputacións, co apoio de Unesco Etxea.
Fonte: El País
O presidente de Aragón di que as linguas minoritarias son patrimonio de todos os aragoneses e confía en presentar a lei en breve
O presidente do Goberno de Aragón, Marcelino Iglesias, afirmou que as linguas minoritarias, o aragonés e o catalán, son "un gran patrimonio de todos os aragoneses" e confiou en presentar o proxecto de lei que regulará a súa promoción nas próximas semanas.
Fonte: Europa Press
O Departamento de Educación vasco pídelle ao PSE que non faga electoralismo coa reforma do modelo lingüístico
O Departamento de Educación do Goberno vasco pídelle ao PSE que afaste a reforma dos modelos lingüísticos da contenda electoral e faga propostas construtivas para que os seus chamamentos ao "consenso e ao reforzo do ensino bilingüe" non queden en mera retórica.
Fonte: Diario Vasco
O Festival de Cine de Xixón incluirá unha película dobrada ao asturiano
A próxima edición do Festival Internacional de Cine de Xixón, que se vai celebrar entre os días 20 e 29 de novembro, inclúe dentro da súa programación unha película dobrada ao asturiano.
Fonte: Asturies
Boletín
Subscríbase al boletín