Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    31 de xaneiro de 2019

    AEK organiza unha nova edición da Korrika, a número 21, baixo o lema ‘Klika’. Trátase dunha carreira en favor do éuscaro, que percorre Navarra, o País Vasco e Iparralde, e que ten como finalidade concienciar sobre a protección desta lingua e conseguir fondos para os centros de aprendizaxe da entidade organizadora.

    Fonte: Noticias de Navarra

    31 de xaneiro de 2019

    A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal presentaron a segunda convocatoria do certame de microrrelatos co que buscan aumentar a presenza da lingua galega na rede. As persoas interesadas en participar deberán enviar ao longo do mes de febreiro os seus textos, de ata 200 palabras e en galego, e as que gañen o concurso recibirán premios tecnolóxicos e relacionados coa lectura.

    31 de xaneiro de 2019

    A Comisión Especial para a elaboración dunha nova Lei foral do éuscaro aprobou un informe de conclusións no que se insta a revisar o status legal desta lingua en Navarra. En concreto, os grupos parlamentarios estudarán se acabar coa zonificación lingüística e estender a oficialidade do éuscaro a todo o territorio navarro.

    Fonte: EITB

    30 de xaneiro de 2019

    Un estudo realizado na Universidade de York, no Canadá, revelou que os bebés de seis meses que están expostos a máis dunha lingua no ámbito familiar conseguen desenvolver unha mellor capacidade de atención que os criados nunha única lingua.

    Fonte: EurekAlert

    30 de xaneiro de 2019

    O presidente da rexión francesa de Normandía, Hervé Morin, quere dar luz verde a un proxecto para a promoción da lingua normanda. Entre as medidas figura a introdución da lingua no ensino e a creación dunha academia para normalizar o seu uso.

    Fonte: Ouest France

    30 de xaneiro de 2019

    As carencias de profesorado da materia de Lingua Asturiana nalgúns centros educativos do Principado son motivo de preocupación para o Sindicato de Ensino de CCOO que denuncia o empeoramento da situación con respecto ao curso pasado.

    Fonte: 20minutos

    30 de xaneiro de 2019

    Segundo a Enquisa de usos lingüísticos EULIB2014, oito de cada dez mozos/as do arquipélago saben falar e escribir en catalán, malia que a porcentaxe dos que o falan asiduamente descende ata o 50 % e dos que o identifican como a súa lingua de uso habitual diminúe ata un 34,5 %.

    Fonte: Diario de Mallorca

    30 de xaneiro de 2019

    Os Premios Min contan cunha categoría de mellor álbum en galego, na que é posible votar ata por cinco dos doce discos presentados, pertencentes a unha gran variedade de estilos musicais diferentes. Pasada esta fase de votacións populares, os cinco máis votados serán semifinalistas, entre os que un xurado profesional escollerá os finalistas e, posteriormente, os vencedores.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    30 de xaneiro de 2019

    O novo volume La letteratura galega. Autori e testi verte ao italiano medio cento de textos arredor doutras tantas figuras das Letras Galegas, da man dos tres Centros de Estudos Galegos (CEG) italianos -Padua, Roma e Perugia- da Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos e no marco da colección Finisterrae, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Real Academia Galega (RAG).

    29 de xaneiro de 2019

    Organizacións a prol dos dereitos humanos volveron demandar a liberación do activista Tashi Wangchuk que cumpriu tres anos no cárcere por defender a lingua tibetana en China.

    Fonte: RFA

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder