Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    05 de abril de 2019

    O Termcat (Centro de Terminoloxía da Lingua Catalá) elaborou o Dicionario de relacións internacionais, que inclúe 1328 termos en catalán acompañados dunha definición, así como da súa correspondente tradución ao castelán, ao francés e ao inglés.

    Fonte: La Vanguardia

    05 de abril de 2019

    Na actualidade 2391 persoas estudan portugués en Galicia como primeira ou segunda lingua estranxeira na ESO e en Bacharelato, o que supón un incremento de 260 estudantes con respecto ao curso anterior. Destes, só 59 escolleron o portugués como primeira lingua (un 2,5%), a maioría alumnos e alumnas de municipios limítrofes con Portugal.

    Fonte: Praza Pública

    05 de abril de 2019

    A Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra presentan Lingua e sociedade. Guía didáctica sobre os procesos sociolingüísticos en Moaña, un traballo destinado á comunidade educativa co obxectivo de amosar unha visión sobre a situación do galego, concretamente, neste municipio.  

    Fonte: Universidade de Vigo

    05 de abril de 2019

    A Plataforma pola Lingua, coa colaboración dos gobernos de Baleares, Cataluña e Comunidade Valenciana, puxo en marcha a aplicación Apparella’t, que ten como obxectivo atopar parella lingüística para practicar catalán.

    Fonte: Mallorca Diario

    05 de abril de 2019

    Unha investigación realizada pola oficina do comisario de Linguas Oficiais da República de Irlanda revelou que a canle pública de televisión RTÉ non está cumprindo os mínimos esixidos na programación de contidos en lingua vernácula.

    Fonte: Independent

    05 de abril de 2019

    O condado de Flintshire, no nordeste do País de Gales, decidiu incrementar os seus obxectivos no número de falantes de galés xa que, segundo algunhas fontes, non é o suficientemente ambicioso. Para conseguir a súa nova meta de 2500 novos falantes, o condado decidiu apoiarse no ensino de adultos e nas matrículas de escolares en centros de inmersión.

    Fonte: Deeside

    04 de abril de 2019

    Co fin de propoñerlle como referencia ao alumnado as figuras de empresarios comprometidos coa realidade e a lingua propia de Galicia, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo deu un paso máis no proxecto iniciado hai dous anos de galeguizar o seu aulario. Fíxoo dándolle o nome do escritor, artista e empresario Isaac Díaz Pardo a unha das súas clases.

    04 de abril de 2019

    O Goberno vasco e a Oficina Pública da Lingua Vasca de Iparralde ratificaron o seu compromiso para colaborar co fomento do éuscaro en Iparralde, ao que ambos os organismos destinarán 1 930 000 euros.

    Fonte: Eitb

    04 de abril de 2019

    O Concello de Santiago presentou o proxecto #SenCancelas, unha iniciativa de lecer destinada ás mozas e mozos que naceron entre os anos 2002 e 2005 para que conten cun contexto de socialización en lingua galega.

    Fonte: Concello de Santiago de Compostela

    04 de abril de 2019

    O Concello de Galdakao aprobou o VI Plan de uso do éuscaro 2019-2022 que ten entre os seus obxectivos o respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía, a utilización da lingua vasca na Administración ou o seu fomento como lingua vehicular no contorno laboral.

    Fonte: Deia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder