Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    26 de marzo de 2019

    Os centros de secundaria de Ames acollerán obradoiros de regueifa impartidos por Josinho da Teixeira, Sara Marchena e Lupe Blanco no marco do proxecto Enreguéifate. En sesións duns 90 minutos de duración preténdese transmitirlle á mocidade xeitos de improvisación oral tradicionais e, ao mesmo tempo, revitalizar o uso da lingua galega.

    Fonte: Concello de Ames

    26 de marzo de 2019

    O Goberno español vai destinar cinco millóns de euros á Real Academia Española para a modernización da institución, así como para velar polo uso correcto do castelán na era dixital ou elaborar dicionarios.

    Fonte: La Vanguardia

    26 de marzo de 2019

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á presentación do libro de Antonio Fraguas Do tempo e dos astros. Trátase dunha publicación da Editorial Galaxia no marco da programación institucional das Letras Galegas 2019 da Xunta de Galicia, que este ano se lle dedica ao autor do volume.

    25 de marzo de 2019

    O Consello de Ensino Superior do Estado de Israel aprobou 26 novos cursos de grao ou posgrao que terán o inglés como lingua vehicular. O obxectivo é atraer alumnado internacional con bo desempeño académico.

    Fonte: The Jersusalem Post

    25 de marzo de 2019

    Todas as provincias flamengas de Bélxica rexistraron nos últimos anos un descenso no número de nenas e nenos que teñen o flamengo como primeira lingua. Nalgunhas zonas, a porcentaxe de menores que fala outras linguas maternas é superior ao 50 %.

    Fonte: The Brussels Times

    25 de marzo de 2019

    O Concello de Pamplona e mais as bibliotecas públicas da cidade participan no programa de fomento da lectura en éuscaro “Irakurri, gozatu eta oparitu”, impulsada pola asociación Euskaltzaleen Topagunea.

    Fonte: Pamplona Actual

    25 de marzo de 2019

    A Mesa pola Normalización Lingüística deu a coñecer a denuncia dun usuario vigués ao que lle negaron un consentimento informado para unha intervención cirúrxica en galego por dispoñer deste documento só en castelán.

    Fonte: Sermos Galiza

    25 de marzo de 2019

    Trinta axentes sociais de diferentes ámbitos asinaron compromisos para impulsar a normalización do éuscaro no marco do proxecto 'Aro berriari, Klika'. Korrika e AEK, organizadores desta iniciativa, esperan que se vaian unindo máis nun futuro, para o que habilitaron unha páxina web na que se poderán ir sumando máis organizacións.

    Fonte: Deia

    25 de marzo de 2019

    As entidades culturais sen ánimo de lucro da provincia de Pontevedra poderán acceder ás subvencións convocadas pola Deputación para desenvolver actividades de fomento do galego en 2019.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    22 de marzo de 2019

    Unha petición en liña demanda que o tamazight ou bérber sexa incluído como lingua de traballo en Google Tradutor. O equipo da coñecida ferramenta de tradución automática respondeu que a proposta será tida en conta.

    Fonte: Morocco World News

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder