Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    07 de marzo de 2019

    O Goberno español acordou cos sindicatos a creación dun novo complemento salarial extra para o funcionariado do Estado que poida atender o público tanto en castelán como en calquera das outras linguas cooficiais, isto é, galego, éuscaro ou catalán.

    Fonte: La Información

    07 de marzo de 2019

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron na apertura da xornada Palabra de muller coa que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) quere renderlle homenaxe á escritora Luísa Villalta no quince cabodano do seu pasamento.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    06 de marzo de 2019

    O filme mexicano Roma fixo historia ao converterse na primeira longametraxe mexicana que consegue o Óscar á mellor produción en lingua estranxeira.

    Fonte: El Periódico

    06 de marzo de 2019

    O 24 de febreiro de 1984, o luxemburgués convertíase en lingua nacional do Gran Ducado de Luxemburgo. Hoxe fálano máis de 400 000 persoas e comparte oficialidade co francés e o alemán.

    Fonte: Contacto

    06 de marzo de 2019

    Co gallo da celebración do seu vixésimo aniversario, o Termcat incorporou á súa listaxe de termos normalizados 9144 neoloxismos en catalán, acompañados dunha definición terminolóxica e das súas equivalencias noutras linguas.

    Fonte: La Vanguardia

    06 de marzo de 2019

    As axudas municipais convocadas polo Concello de Sestao están destinadas á realización de cursos intensivos de éuscaro, á estancia en barnetegis e á rotulación nesta lingua dos establecementos comerciais e hostaleiros.  

    Fonte: 20 minutos

    06 de marzo de 2019

    O Premio Internacional de Escritura en Lingua Materna de Ostana naceu en 2008 co obxectivo de poñer en valor as linguas de pequenos territorios e minoritarias. Neste ano 2019 chega á súa undécima edición, na que un dos galardoados é o escritor galego Manuel Rivas.

    Fonte: Galicia Confidencial

    06 de marzo de 2019

    Martin Pawley é un afeccionado á astronomía que se puxo en contacto coa Unión Astronómica Mundial para preguntar pola posibilidade de traducir as súas publicacións quincenais ao galego. Así foi como se converteu na quinta lingua na que se podía ler o seu boletín, xunto co inglés, o xaponés, o serbio e o español. Posteriormente, sumáronse o italiano, o ruso e o portugués.

    05 de marzo de 2019

    A Asociación Calibo e a comarca do Alto Gállego renovaron o seu convenio de colaboración para promover o coñecemento do aragonés, un acordo en virtude do cal a devandita asociación recibirá 1500 euros para continuar co seu programa para o ensino desta lingua entre persoas adultas.

    Fonte: Heraldo

    05 de marzo de 2019

    A través de dúas liñas de subvencións o Departamento de Cultura impulsa a presenza do catalán na dobraxe e a subtitulación de produtos audiovisuais. En concreto, no ano 2018 grazas a este apoio dobráronse 110 longametraxes e subtituláronse outras 469, así como 380 capítulos de 43 tempadas de series.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder