Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    26 de febreiro de 2019

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto conmemorativo da primeira sentenza en lingua galega ditada no Xulgado de Arzúa, organizado pola Irmandade Xurídica Galega e pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    26 de febreiro de 2019

    O Goberno de Navarra e a asociación Tinko Euskera Elkartea renovaron o seu convenio para promover o cinema en éuscaro entre o alumnado. Así, 4500 estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria coñecerán películas realizadas en éuscaro ou traducidas a esta lingua sobre as que posteriormente farán un traballo na aula.

    Fonte: 20 minutos

    25 de febreiro de 2019

    O representante permanente de Mozambique na ONU, António Gumende, defendeu en Nova York a diversidade lingüística do seu país mediante a introdución das linguas mozambicanas en escolas bilingües e no currículo universitario.

    Fonte: Diário de Notícias

    25 de febreiro de 2019

    O Parlamento Europeo deu finalmente luz verde a unha exposición sobre a lingua catalá organizada polo eurodeputado catalán Ramon Tremosa e a Plataforma pola Lingua. A iniciativa fora rexeitada nun primeiro momento pola súa proximidade na data coas eleccións xerais.

    Fonte: La Vanguardia

     

    25 de febreiro de 2019

    Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, participou nun encontro co empresariado responsable dos establecementos de hospedaxe de Redondela coorganizado pola Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura e Turismo, polo Concello e pola Asociación de Empresarios de Redondela.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    25 de febreiro de 2019

    O Tribunal Supremo confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que en 2016 anulou varios artigos da Ordenanza de uso do galego do Concello de Lugo tras unha denuncia de Galicia Bilingüe.

    Fonte: Lugo Xornal

    25 de febreiro de 2019

    A Real Academia Galega e o Concello de Ames asinaron un convenio para elaborar o I Mapa Sociolingüístico Escolar de Ames 2019-2020. Para o desenvolvemento deste proxecto, a RAG analizará a situación do galego entre a infancia e a mocidade a través do estudo dos principais contextos de socialización da poboación de ata 18 anos do considerado como municipio máis novo de Galicia.

    25 de febreiro de 2019

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou nos actos de homenaxe a Rosalía de Castro polo 182 aniversario do seu nacemento. 

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    25 de febreiro de 2019

    O Goberno de Navarra e a Real Academia da Lingua Vasca renovaron o compromiso de colaboración que veñen mantendo dende hai máis dun século. Fixérono durante un acto no que se destacou a importancia do labor realizado por Euskaltzaindia a prol do éuscaro e dos dereitos dos euscaldúns.

    Fonte: Noticias de Navarra

    25 de febreiro de 2019

    Co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado ao investigador e profesor Antón Fraguas Fraguas, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa CRTVG, deseñaron un amplo programa de actividades que abranguen iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo, empresarial, musical e escénico, entre outros, dirixidas a todos os públicos, e que terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder