Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de febreiro de 2019

    O Plan de utilización do éuscaro de Deba, que terá unha vixencia de catro anos, foi aprobado por unanimidade pola corporación municipal. Este documento ten como obxectivo aumentar o emprego desta lingua no Concello para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía.

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    22 de febreiro de 2019

    Fontes de diferente índole anunciaron que a Academia Francesa permitirá finalmente a feminización das palabras relacionadas cos oficios en Francia. Con esta medida uniformarase un uso xa normalizado noutros países francófonos como o Quebec, Bélxica ou Luxemburgo.

    Fonte: L'Express

    22 de febreiro de 2019

    O presidente de Cabo Verde, José Carlos Fonseca, aproveitou a celebración do Día Internacional da Lingua Materna para recomendar a constitución dunha norma para o crioulo caboverdiano que permita a súa introdución no ensino.

    Fonte: Diário de Notícias

    22 de febreiro de 2019

    Segundo un informe sobre a situación educativa dos fillos de inmigrantes en Euskadi, estes optan maioritariamente polos modelos lingüísticos B e D, os que contan con maior presenza do éuscaro, en especial en Primaria, mentres que en Secundaria existe unha maior preferencia polo modelo A.

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    22 de febreiro de 2019

    O relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos difundiu unha declaración oficial con motivo do Día Internacional da Lingua Materna en 27 idiomas entre os que, por primeira vez, estaba o galego.

    Fonte: Praza Pública

    22 de febreiro de 2019

    O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou a aprobación definitiva da Ordenanza para o impulso social da lingua galega no Concello de Barro, un texto que declara o galego como idioma oficial desta institución.

    Fonte: CTNL

    22 de febreiro de 2019

    Segundo denuncia o colectivo Administrazioan Euskara Talde, as convocatorias de emprego do Servizo Navarro de Saúde na zona non vascófona seguirán valorando o coñecemento de linguas estranxeiras como o alemán, o francés e o inglés, pero non o do éuscaro.

    Fonte: Diario de Navarra

    22 de febreiro de 2019

    Victor Bayda, natural de Moscova, será o próximo responsable da normalización lingüística dunha zona de fala gaélica do sur de Kerry en Irlanda.

    Fonte: The Journal

    22 de febreiro de 2019

    A ministra da Lingua Galesa do País de Gales, Eluned Morgan, defendeu a necesidade de que os falantes de galés empreguen máis a súa lingua no ámbito público xa que o nivel de uso actual é baixo.

    Fonte: BBC

    21 de febreiro de 2019

    A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) escolleu este ano o concello de Ourense para a celebración do Día Internacional da Lingua Materna, efeméride promovida pola Unesco e apoiada cada ano pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura e Turismo.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder