Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    29 de agosto de 2018

    O primeiro ministro de Taiwán, William Lai, anunciou que o país pretende oficializar o inglés como segunda lingua co obxectivo de fomentar o seu coñecemento e a "competitividade internacional".

    Fonte: Infobae

    28 de agosto de 2018

    Un estudo da Universidade de Beijing revela que a mala calidade atmosférica dun lugar podería ter un efecto negativo nas destrezas lingüísticas dos seus habitantes.

    Fonte: New Scientist

    28 de agosto de 2018

    O Senado de Filipinas acaba de aprobar unha lei pola que se oficializa a lingua de signos filipina co fin de promover e facilitar a expresión e comunicación da comunidade xorda do país asiático.

    Fonte: Rappler

    28 de agosto de 2018

    A reforma do Estatuto de Canarias reivindicará unha identidade colectiva, lingüística e cultural propia do arquipélago, de maneira que a Administración autonómica se encargaría de regular as particularidades do español que se fala nas illas e tería competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural canario.

    Fonte: Diario de Avisos

     

    28 de agosto de 2018

    O Concello de Nigrán publica as bases para a contratación temporal, por un período dun ano, dun técnico/a de normalización lingüística que se seleccionará mediante un proceso de concurso-oposición.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    28 de agosto de 2018

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2018/2019.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    28 de agosto de 2018

    O Concello de Cocentaina puxo en marcha unha campaña chamada Troballengua. Trátase dun directorio web que inclúe comercios e profesionais que utilizan o valenciano. O Consistorio entregaralles a uns 90 establecementos selos de calidade que indican que neles entenden os clientes que falan nesta lingua.

    Fonte: Información

    27 de agosto de 2018

    A Mancomunidade de Sakana organiza talleres de éuscaro para os monitores deportivos os días 7 e 8 de setembro. Estas actividades enmárcanse no proxecto Kirola euskaraz que ten como obxectivo impulsar o uso desta lingua no ámbito deportivo.

    Fonte: Noticias de Navarra

    27 de agosto de 2018

    Investigadores canadenses publicaron un dicionario que recolle 12000 termos da lingua salish da Illa de Vancouver que servirá de base para aquelas persoas que queiran aprender este idioma orixinario canadense.

    Fonte: CBC

    27 de agosto de 2018

    Despois do incendio de 2015, o Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo abrirá as súas portas en 2019 cunha colección máis globalizada que ofrecerá información tanto da variedade portuguesa do Brasil como das diferentes formas faladas noutras zonas lusófonas.

    Fonte: Agência Brasil

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder