Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    14 de setembro de 2018

    A mobilización social a través dunha campaña permitiu que a Asemblea Lexislativa de Río Grande do Sur (Brasil) votase a favor de manter o ensino do español como lingua estranxeira nos centros educativos. A última reforma do ensino deixaba só o inglés como lingua obrigatoria.

    Fonte: Gauchazh

    13 de setembro de 2018

    Representantes de Euskaltzaindia pediron no Parlamento que a nova lei foral se asente no principio de que o éuscaro é lingua propia de Navarra e que se elimine a actual zonificación lingüística.

    Fonte: Diario de Navarra

    13 de setembro de 2018

    A Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia contará desde o curso académico 2018/2019 con tres novas lectoras de lingua, literatura e cultura galegas. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, reuniuse na sede do seu departamento, no compostelán Pazo de San Roque, coas profesoras-lectoras que inician a súa actividade nos centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Oxford (Reino Unido), París (Francia) e Vitoria (País Vasco).

    13 de setembro de 2018

    O Sindicato Unitario e Autónomo de Traballadores da Ensinanza de Asturias, Suatea, denunciou varios casos de centros que lle denegaron as clases de asturiano ao alumnado de Educación Infantil. Critica, ademais, que soamente corenta centros de Asturias ofrecen esta lingua na devandita etapa educativa. 

    Fonte: El Comercio

     

    12 de setembro de 2018

    O Concello de Barakaldo incrementou en 10 000 euros as axudas para as persoas que estudaron éuscaro nos centros homologados por Habe durante o curso pasado.

    Fonte: 20minutos

    12 de setembro de 2018

    Como parte dunha estratexia para a mellora das competencias lingüísticas dos escolares franceses, o Ministerio de Educación de Francia anima o alumnado de primaria francés a ver máis programas infantís de televisión en lingua inglesa.

    Fonte: The Telegraph

    12 de setembro de 2018

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de inauguración da terceira das xornadas con que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) celebra os seus 25 anos de existencia, e que se desenvolven baixo o título “O Centro Ramón Piñeiro como recuperador de fondos e depositario de legados”.

    12 de setembro de 2018

    A eurodeputada galega Lidia Senra reclamou, durante un pleno celebrado no Parlamento Europeo, "igualdade" para o galego en todos os ámbitos, especialmente no dixital, así como a posibilidade de expresarse neste e noutros idiomas minoritarios na Eurocámara.

    Fonte: GaliciaPress

    12 de setembro de 2018

    O Goberno vasco aumentou un 44 % o orzamento das axudas para sufragar as matrículas do alumnado dos 103 euskaltegis (centros de ensinanza do éuscaro) da comunidade. Con esta medida esperan acadar preto de 35 000 matrículas, que superarían ás 34 225 do ano pasado. Dende 1986, 460 000 cidadáns estiveron matriculados nalgún momento nos euskaltegis.

    Fonte: Deia

    12 de setembro de 2018

    O Concello de Santiago presentou a convocatoria de axudas destinadas á mellora e á innovación do comercio local para o ano 2018, baixo o título "Coidar para mellorar, mellorar para coidar". Entre os seus obxectivos, destaca unha liña dirixida á mellora da comunicación dos establecementos comerciais e á incorporación ou ampliación nestes do uso da lingua galega.

    Fonte: Concello de Santiago de Compostela

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder