Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    12 de setembro de 2018

    A mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego', organizada pola Deputación de Pontevedra, permanecerá en Moaña ata o 20 de setembro para darlles a coñecer ás cativas e aos cativos a riqueza da lingua galega a través dos irmáns Bolechas.

    Fonte: Deputación de Pontevedra

    12 de setembro de 2018

    Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, presentou as ferramentas tecnolóxicas nas que se está a traballar para protexer e divulgar o rico patrimonio toponímico de Galicia.

    12 de setembro de 2018

    O Goberno de Portugal facilitará a obtención de visados de residencia a estudantes universitarios que procedan de países de lingua oficial portuguesa.

    Fonte: Público

    11 de setembro de 2018

    O catalán foi o idioma que máis aumentou en número de matrículas no ano 2017, ao pasar de 757 a 3368 estudantes en toda España. Malia este aumento, o éuscaro segue a ser a lingua cooficial con máis matrículas nas escolas oficiais de idiomas, con 8146 persoas matriculadas. Estes datos foron publicados polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.

    Fonte: El Confidencial

    11 de setembro de 2018

    O Departamento de Cultura e o Consello dos Ilustres Colexios de Avogados de Cataluña (CICAC) renovaron o seu convenio de colaboración para poñer en marcha durante o ano 2018 accións de impulso do uso do catalán no ámbito da avogacía.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    11 de setembro de 2018

    Un informe elaborado polos Consellos Americanos para a Educación Internacional revelou que o estado de Nova Jersey (EUA) é o que rexistra o índice máis elevado de alumnado de ensino secundario que estuda unha lingua estranxeira: 51 % fronte ao 20 % da media nacional.

    Fonte: NJ1015

    11 de setembro de 2018

    Co gallo do comezo do curso escolar, a Deputación da Coruña fai un chamamento á participación no III Certame de música infantil e xuvenil Quero Cantar, un concurso de cancións en galego para grupos ou solistas cuxo prazo de presentación das propostas musicais finaliza o 19 de outubro.

    Fonte: Deputación da Coruña

    11 de setembro de 2018

    O Concello de Ames organiza unha nova edición dos Obradoiros de Lingua e Cultura “En galego, co teu acento!”, destinados a persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan neste municipio.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    11 de setembro de 2018

    Un estudo da Universidade de Nova York revelou os diferentes mecanismos que operan cando mudamos instintivamente dunha lingua a outra. A investigación ofrece tamén novos datos sobre a natureza do bilingüismo.

    Fonte: NYU

    11 de setembro de 2018

    Elx Cultura, en colaboración coa Deputación Provincial de Alacant, está a promover eventos en lingua valenciana. O obxectivo desta iniciativa é o de acercar a cultura a todos os públicos e, ao mesmo tempo, fomentar o emprego do valenciano entre a poboación. Os eventos intentan abarcar todas as disciplinas, como a literatura, o teatro ou a música.

    Fonte: Diario Información

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder