Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    05 de xullo de 2018

    No acto de posesión do seu cargo como presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez falou das liñas clave do que vai ser o seu labor á fronte da institución, entre as que destacou a súa aposta por estreitar lazos co mundo lusófono.

    Fonte: Galicia Confidencial

    05 de xullo de 2018

    A Oferta Pública de Emprego (OPE) extraordinaria incluirá 80 prazas, dun total de 996, con requisito de coñecemento de éuscaro, o que supón unha porcentaxe do 8,03 % do total.

    Fonte: Noticias de Navarra

    05 de xullo de 2018

    A novena edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua recoñece, polo seu labor de promoción do galego, a Galipedia, na categoría de entidade, e o grupo musical Pirilampo, na de iniciativas que traballan coa infancia e a mocidade.

    Fonte: Deputación da Coruña

    04 de xullo de 2018

    A aplicación Muvicat baséase nos datos da Dirección Xeral de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña e permite consultar os filmes, as sesións e as salas de cine onde se exhiben películas en catalán.

    04 de xullo de 2018

    A Plataforma pola Lingua realizou o estudo Les xifres canten que constata que Cataluña está á cola nas axudas á lingua propia no ámbito musical con respecto a comunidades lingüísticas semellantes.

    Fonte: Plataforma per la Llengua

    04 de xullo de 2018

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González, presentaron no Pazo de San Roque o Informe Anual do IGADI 2017-2018 e mais o anuario de acción exterior de Galicia ‘Nós No Mundo-We in the World’.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    04 de xullo de 2018

    A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), renovan o portal web do Observatorio da Lingua Galega que chega, canda ao seu boletín de noticias, aos dez anos en funcionamento como referente informativo en materia de linguas e espazo de difusión da diversidade lingüística mundial.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    04 de xullo de 2018

    O Goberno de Aragón e a Universidade de Zaragoza asinaron un convenio de colaboración para a constitución da cátedra Johan Ferrández d’Heredia de Linguas Propias de Aragón e Patrimonio Inmaterial Aragonés cuxa finalidade é afondar no seu coñecemento científico.

    Fonte: El Periódico de Aragón

    04 de xullo de 2018

    Rusia anunciou que ten previsto abrir proximamente unha canle de televisión en francés na emisora estatal RT (Russia Today).

    Fonte: Language Magazine  

    04 de xullo de 2018

    Unha enquisa realizada polo Goberno de Gales revelou que un 83 % das persoas que non falan galés en Gales están orgullosas da lingua e un 63 % quere que as institucións destinen máis fondos para a súa promoción.

    Fonte: Nation Cymru

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder