Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    04 de xullo de 2018

    A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), renovan o portal web do Observatorio da Lingua Galega que chega, canda ao seu boletín de noticias, aos dez anos en funcionamento como referente informativo en materia de linguas e espazo de difusión da diversidade lingüística mundial.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    04 de xullo de 2018

    O Goberno de Aragón e a Universidade de Zaragoza asinaron un convenio de colaboración para a constitución da cátedra Johan Ferrández d’Heredia de Linguas Propias de Aragón e Patrimonio Inmaterial Aragonés cuxa finalidade é afondar no seu coñecemento científico.

    Fonte: El Periódico de Aragón

    04 de xullo de 2018

    Rusia anunciou que ten previsto abrir proximamente unha canle de televisión en francés na emisora estatal RT (Russia Today).

    Fonte: Language Magazine  

    04 de xullo de 2018

    Unha enquisa realizada polo Goberno de Gales revelou que un 83 % das persoas que non falan galés en Gales están orgullosas da lingua e un 63 % quere que as institucións destinen máis fondos para a súa promoción.

    Fonte: Nation Cymru

    04 de xullo de 2018

    Un total de 200 deportistas participará na carreira Ras yr Iaith (Carreira pola lingua) que terá como obxectivo a recadación de fondos destinados a actividades que promovan a lingua galesa.

    Fonte: Wrexham

    04 de xullo de 2018

    O Festival Abride a fiestra, promovido pola Casa-Museo Rosalía de Castro, homenaxeará a autora os días 14 e 15 de xullo co apoio da Consellería de Cultura, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Mercedes Peón, Najla Shami, Cintaadhesiva, Habelas Hainas, Margarita Viso ou a Coral Padronesa serán algunhas das manifestacións culturais inspiradas na autora de Cantares gallegos e Follas novas das que se poderá gozar.

     

    03 de xullo de 2018

    A plataforma, formada por familias con fillas e fillos que cursan o segundo ciclo de Educación Infantil, denuncia o incumprimento de moitos centros de Asturias no que respecta á materia de lingua asturiana nesta etapa educativa.

    03 de xullo de 2018

    A revista Formal and Experimental Advances in Sign language Theory recompila os traballos do congreso FEAST, dedicado á investigación en lingüística formal e experimental de linguas de signos, no que se difunde o proxecto europeo SIGN-HUB que fomenta o patrimonio lingüístico, histórico e cultural das comunidades xordas de Europa.

     

    03 de xullo de 2018

    O secretario de Estado das Comunidades Portuguesas, José Luís Carneiro, declarou que a promoción do ensino da lingua portuguesa é importante en Venezuela, xa que constitúe un factor de mobilidade para aqueles que queren regresar a Portugal ou a países de lingua portuguesa.

     

    Fonte: Dnoticias

    03 de xullo de 2018

    Preto dun cento de estudantes -case 80 en Santiago e 14 na Coruña- vidos de fóra de Galicia inician os cursos de verán de galego para persoas estranxeiras que organizan a Universidade da Coruña (UDC) e a Real Academia Galega (RAG) ata o día 24 de xullo, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder