Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    05 de abril de 2018

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, compareceu no Parlamento para informar -por pedimento do Bloque Nacionalista Galego- sobre os datos recollidos polos últimos informes arredor da situación actual da lingua galega publicados pola Real Academia (RAG) e polo Consello da Cultura (CCG) e para dar conta dos traballos que se están desenvolvendo no seu departamento tendo en conta os mencionados datos.

    05 de abril de 2018

    Ábrese unha nova edición dos Premios Peme á Calidade Lingüística, que teñen como obxectivo galardoar as pemes que usan a lingua catalá coma ferramenta de integración na empresa. O prazo de presentación de candidaturas estenderase ata o 18 de maio de 2018.

    Fonte: GenCat

    05 de abril de 2018

    O Goberno de Cataluña fixo pública a resolución sobre as normas de preinscrición e matrícula nas escolas catalás para o próximo curso, na que non se atopa incluída a posibilidade de escoller o castelán como lingua vehicular.

    Fonte: 20 Minutos

    05 de abril de 2018

    Case 400 relatos de ata 200 palabras concorreron a estes premios convocados no marco dunha campaña que ten como obxectivo proxectar o galego en Internet.

    Fonte: RAG

    05 de abril de 2018

    O Concello de Oviedo aprobou a proposta de facer oficial a toponimia en asturiano, recoñecendo o nome nesta lingua da cidade, así como as denominacións correspondentes das súas parroquias e rúas.

    Fonte: El Comercio

    05 de abril de 2018

    Co gallo da celebración o 23 de abril do Día do Libro, a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense convoca un certame de haikus en galego no que poderá participar calquera persoa sexa ou non membro da comunidade universitaria.

    Fonte: Universidade de Vigo

    04 de abril de 2018

    O Goberno da provincia xaponesa de Hokkaido aprobou a adopción da lingua ainu, noutrora idioma predominante nesta zona do Xapón, nos anuncios dalgúns transportes públicos.

    Fonte: IPC Digital

    04 de abril de 2018

    O partido Bloco de Esquerda dos Azores presentou dous proxectos para que o Goberno Autónomo das illas ofreza servizos públicos en lingua de signos.

    Fonte: Açoriano Oriental

    04 de abril de 2018

    O premio Espiello Agora x l'aragonés foi organizado co obxectivo de premiar o mellor audiovisual gravado, dobrado ou subtitulado en lingua aragonesa, a fin de promover o seu uso neste ámbito. A película Lo Gorroroi recibiu o primeiro premio, que ademais é o primeiro filme de debuxos animados realizado nesta lingua.

    Fonte: Ara Info

    04 de abril de 2018

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar na súa páxina web (http://www.edu.xunta.gal/portal/) tres convocatorias para seguir estendendo no curso 2018/19 o ensino plurilingüe nos centros galegos.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder