Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    16 de maio de 2018

    O 17 de maio celébrase o Día de Internet en Éuscaro, unha xornada para reflexionar sobre a presenza desta lingua na rede, onde se utiliza cada vez máis grazas á implantación do dominio .eus.

    Fonte: Eitb

    16 de maio de 2018

    Na páxina web do Instituto da Lingua Galega xa se pode consultar o novo corpus lingüístico Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna, un proxecto que inclúe a produción escrita en galego ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    16 de maio de 2018

    Os resultados dunha enquisa elaborada polo diario Malta Today revelou que a maior parte dos malteses escollen o maltés e non o inglés como lingua de preferencia na maior parte das situacións da vida diaria.

    Fonte: Malta Today

    16 de maio de 2018

    O Instituto Max Planck para a Historia da Ciencia de Alemaña desenvolve unha aplicación para móbiles co obxectivo de estudar a evolución das linguas.

    Fonte: Discover Magazine

    15 de maio de 2018

    Un grupo de investigación dunha universidade de Singapur demostrou nun estudo que falar unha segunda lingua pode significar un importante estímulo para os menores de idade que pertenzan a familias desfavorecidas economicamente.

    Fonte: Scientific American

    15 de maio de 2018

    O dominio galego .gal celebra o Día das Letras Galegas e o Día das Telecomunicacións e Internet cunha rebaixa no prezo dos novos dominios rexistrados, que se poderán obter por 17 euros máis IVE entre o 15 e o 31 de maio. Esta promoción inclúe, ademais, un agasallo especial: unha camiseta deseñada por ReiZentolo para PuntoGal.

    Fonte: Dominio .gal

    15 de maio de 2018

    A II Feira dos Idiomas terá lugar en Valencia os días 23, 24, 25 de maio e o seu obxectivo será a difusión da diversidade lingüística. Neste evento participarán un centenar de institucións que realizarán actividades lúdicas e talleres de dinamización lingüística.

    Fonte: InformaValencia

    15 de maio de 2018

    Os actos de celebración do 20º aniversario do pasamento de Antonio Fraguas Fraguas, promovidos polo Concello de Cerdedo-Cotobade coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Fundación que leva o nome do persoeiro galego, fanse extensivos ao ámbito educativo.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    15 de maio de 2018

    O Consello de Europa defendeu a necesidade de aprobar unha lei que protexa o gaélico irlandés despois de que unha delegación desta institución visitase Belfast para analizar a situación das linguas minoritarias.

    Fonte: BBC

    15 de maio de 2018

    A Consellería de Cultura e a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski poñen en marcha por oitavo ano consecutivo a campaña Letras Galegas 2018, que encherá os Eroski Center, Autoservizos Familia e Hipermercados Eroski con medio milleiro de carteis e dous millóns de bolsas conmemorativas da autora homenaxeada polas Letras Galegas, María Victoria Moreno Márquez.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder