Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    14 de maio de 2018

    O CEIP carballés Xesús San Luís Romero acolleu o acto de entrega do Premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018 na categoría de educación infantil e primaria, que gañou co proxecto “Victoria Moreno, mestra con alma”.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    14 de maio de 2018

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou no Diario Oficial de Galicia a modificación do calendario de realización das probas Celga. Os exames, previstos inicialmente para os días 26 e 27 de maio (Celga 4 e Celga 2, respectivamente) e 2 e 3 de xuño (Celga 3 e Celga 1, respectivamente) en Santiago de Compostela e en Ponferrada modifícanse.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    11 de maio de 2018

    O presidente do Instituto Camões, Luís Faro Ramos, defendeu unha maior dinamización do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa co fin de promover o portugués dun xeito máis eficaz.

    Fonte: Diário de Notícias

    11 de maio de 2018

    Un mozo de 27 anos do estado brasileiro de Santa Catarina creou un debuxo animado para ensinar a nenas e nenos a lingua de signos brasileira.

    Fonte: Globo

    11 de maio de 2018

    O presidente de Cabo Verde, Jorge Carlos Fonseca, defendeu con motivo dunha conferencia celebrada en Praia a "riqueza singular" da lingua portuguesa e a necesidade de preservala e proxectala internacionalmente.

    Fonte: Sapo 24

    11 de maio de 2018

    Un estudante do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (EUA) revelou nun estudo que o movemento inconsciente dos ollos pode demostrar o nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira. Este achado podería axudar a crear probas de coñecemento de linguas máis precisas e personalizadas.

    Fonte: New Scientist

    11 de maio de 2018

    O Goberno da illa de Mallorca puxo en marcha obradoiros de rap en catalán para impulsar o uso desta lingua entre a xente nova. Así mesmo, anunciou a convocatoria de axudas para a rotulación en catalán.

    Fonte: SER

    11 de maio de 2018

    Esta nova liña de axudas convocada pola Dirección Xeral de Política Lingüística está dirixida a proxectos de fomento e difusión da lingua de signos catalá e conta cunha dotación económica de 40 000 euros.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    11 de maio de 2018

    O Concello de Santiago de Compostela presentou a terceira edición do concurso #fotolingua, unha iniciativa que ten como obxectivo darlles visibilidade aos establecementos comerciais da cidade comprometidos co uso do galego.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    10 de maio de 2018

    A Plataforma per la Llengua pediulles ao Síndic de Greuges (Valedor do Pobo na Comunidade Valencia) e ao Ministerio de Fomento que se respecte a denominación "València" nos sinais de estradas, autovías e autoestradas. Esta denominación é oficial dende a publicación do Decreto 16/2017.

    Fonte: La Vanguardia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder