Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    18 de decembro de 2017

    O Goberno do País de Gales publicou un informe que aborda con detalle a estratexia de acadar un millón de falantes de galés antes de 2050. Entre as prioridades está incrementar o número de profesorado de primaria capaz de ensinar na lingua vernácula.

    Fonte: The Guardian

    18 de decembro de 2017

    A Dirección Xeral de Política Lingüística de Cataluña publicou os datos dunha enquisa realizada entre os consumidores cataláns sobre o consumo dixital. Deste xeito, o 73,3 % dos consumidores utiliza a lingua catalá nas aplicacións de mensaxería, mentres que o 72,8 % a emprega nas redes sociais.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    18 de decembro de 2017

    Centos de persoas participaron nunha manifestación en defensa da lingua vasca e da lista única en educación. A mobilización, celebrada baixo o lema "Dean paso ao éuscaro. Pola igualdade", percorreu as rúas de Pamplona para demandar respecto para esta lingua e igualdade na vindeira Oferta Pública de Emprego de mestres de 2019 mediante unha lista única.

    Fonte: Noticias de Navarra

    18 de decembro de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de entrega do XXX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón a Estevo Creus pola súa obra O lugar que non hai.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    18 de decembro de 2017

    As oito candidatas que poden converterse en Palabra do Ano 2017, e polas que se pode votar ata as doce en punto da noite do 25 de decembro, son as seguintes: afouteza, eucaliptización, independencia, sapoconcho, teimudo, vaga de lumes, velutina e violencia de xénero.

    Fonte: Portal das Palabras

    15 de decembro de 2017

    O último censo revelou por primeira vez que o telugú é, con 3,2 millóns de falantes, a terceira lingua da India que máis se fala nos EUA.

    Fonte: The News Minute

    15 de decembro de 2017

    O Goberno de China e organizacións sociais están avaliando aplicar diferentes medidas para poder preservar as 130 linguas minorizadas que se falan no xigante asiático.

    Fonte: Prensa Latina

    15 de decembro de 2017

    A Deputación de Guipúscoa abrirá un laboratorio no centro Tabakalera de San Sebastián para dar apoio ao sector audiovisual en éuscaro, que servirá para identificar novas oportunidades industriais e testar os seus proxectos.

    Fonte: El Diario Vasco

    15 de decembro de 2017

    O Secretario de Estado da Educación de Portugal, João Costa, informou en Miranda do Douro de que o Goberno portugués está a valorar a ratificación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

    Fonte: Diário de Notícias

    15 de decembro de 2017

    O Consello Nacional de Suíza rexeitou a creación dunha comisión extraparlamentaria para xestionar os asuntos relacionados coas linguas nacionais e minoritarias do país.

    Fonte: Swissinfo

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder