Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    15 de decembro de 2017

    A Comisión de Facenda e Política Financeira aprobou unha serie de emendas aos orzamentos para o departamento de Relacións Cidadás e Institucionais. Entre elas, salienta a emenda aprobada en relación co incremento de gastos por importe de 100 000 euros na partida "Axudas para o ensino de éuscaro a persoas adultas".

    Fonte: Noticias de Navarra

    15 de decembro de 2017

    O Departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra aprobou as bases do Pontegal 2018, cuxa principal novidade figura nos criterios de adxudicación, posto que se priorizarán a dinamización da lingua galega e a aposta pola igualdade de xénero.

    Fonte: Deputación de Pontevedra

    15 de decembro de 2017

    A sexta edición do programa de dinamización lingüística Nadal en Rede levará actividades a 41 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia e porá á disposición de toda a cidadanía recursos dixitais para galeguizar os principais motivos do Nadal.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    14 de decembro de 2017

    Máis de 300 empresas e entidades públicas do País Vasco dispoñen xa da certificación Bikain do uso do éuscaro no ámbito laboral, despois de que 35 novas institucións a conseguisen recentemente.

    Fonte: eitb.eus

    14 de decembro de 2017

    O grupo parlamentario de Esquerda Unida presentou unha emenda á lei de modificación do Consello Escolar para que a Academia da Lingua Asturiana teña presenza neste organismo. En concreto, solicítase que seis expertos no eido da educación e da pedagoxía entren no Consello para presentar propostas sobre a implantación do asturiano no sistema educativo.

    Fonte: El Comercio

    14 de decembro de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de entrega de premios do III Certame Literario Mazarelos.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    13 de decembro de 2017

    O ministro de Educación de Ucraína revelou as tres vías que se poderán seguir para aplicar a lei sobre a lingua de instrución no ensino. Estas tres opcións incorporan o ensino en ucraíno mais con matices en función da lingua do alumnado e a realidade sociolingüística do centro educativo.

    Fonte: Unian

    13 de decembro de 2017

    A Unidade de Tecnoloxías da Lingua da Universidade de Bangor, no norte de Gales, desenvolveu un programa que permitirá crear unha voz sintética en lingua galesa para aqueles falantes que perdan a capacidade de falar por mor dunha enfermidade.

    Fonte: Daily Post

    13 de decembro de 2017

    O Goberno das Illas Baleares presentou unha campaña para impulsar a venda de xoguetes en lingua catalá e promover o uso desta lingua no ámbito lúdico. Baixo o título de "E ti, xogas en catalán?", a campaña está dirixida a tendas que venden xoguetes en catalán e pretende darlles máis visibilidade para fomentar o seu consumo entre a cidadanía.

    Fonte: El Mundo

    13 de decembro de 2017

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou a convocatoria pública de dúas bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades Nova de Lisboa e Federal da Bahia.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder