Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    31 de outubro de 2017

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia promove a celebración do mes da ciencia en galego cunha completa programación de actividades ao longo de todo novembro dirixida á posta en valor das bibliotecas e mais do seu papel impulsor da creación e da divulgación científicas na lingua propia de Galicia.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    30 de outubro de 2017

    O ministro de Cultura de Cabo Verde, Abraão Vicente, defendeu nunha entrevista celebrada con motivo do VII Encontro de Escritores de Lingua Portuguesa a declaración do crioulo como lingua oficial do país africano.

    Fonte: Diário de Notícias

    30 de outubro de 2017

    As escolas Diwan de ensino bilingüe bretón-francés cumpren 40 anos na Bretaña francesa. A pesar do seu importante labor de promoción da lingua bretoa, o futuro deste idioma celta segue estando ameazado.

    Fonte: Libération

    30 de outubro de 2017

    A coñecida escritora viguesa An Alfaya (Mª Ángeles Alfaya Bernárdez) fíxose, por unanimidade do xurado, coa segunda edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    30 de outubro de 2017

    O cemiterio municipal de Trigás, en Moaña, acolleu un acto para reivindicar a memoria dos devanceiros que deixaron o galego para as actuais xeracións e para fomentar o emprego desta lingua nos actos funerarios.

    Fonte: Faro de Vigo

    30 de outubro de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na celebración da Restauración da Memoria Lingüística que a Asociación de Funcionarios pola Normalización lingüística celebrou canda o Concello de Cuntis na parroquia de Couselo.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    30 de outubro de 2017

    O Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura de Galicia acolleu o acto de presentación da obra Soños de nenos, coa que a profesora Mónica Inés Varela Gestoso se fixo no ano 2015 co Premio Arume de Poesía, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    30 de outubro de 2017

    Máis de 25 000 alumnos e alumnas inscribíronse nos euskaltegis do País Vasco durante a primeira fase da campaña de matriculación. Espérase que 10 000 persoas máis se inscriban nos vindeiros meses.

    Fonte: 20minutos

    30 de outubro de 2017

    O ensino de lingua aragonesa nos centros educativos de Aragón, que cumpre 20 anos, experimentou un crecemento do 80 % no número de alumnos e alumnas respecto ao ano 2015. Ademais, ampliáronse as localidades nas que se ensina esta lingua.

    Fonte: El Periódico de Aragón

    27 de outubro de 2017

    A televisión pública italiana (RAI) está negociando co Ministerio de Desenvolvemento Económico a creación dunha canle de televisión integramente en inglés.

    Fonte: Advanced Television

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder