Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    17 de xullo de 2017

    O Consorcio para a Normalización Lingüística de Cataluña presentou a súa memoria de actividades do ano 2016, na que salienta un crecemento do 5 por cento respecto á inscrición en cursos de lingua catalá no ano anterior.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    17 de xullo de 2017

    Podemos reclamou que a lingua catalá sexa cooficial nas Cortes de Aragón. Deste xeito, defende a contratación de intérpretes desta lingua para poder usala nas sesións do Parlamento aragonés, sempre que así o desexe calquera dos deputados e deputadas.

    Fonte: ABC

    14 de xullo de 2017

    O partido albanés de Macedonia que forma goberno coa Unión Democrática e Social do primeiro ministro, Zoran Zaev, ameazou con romper os acordos gobernamentais se non se aproba unha lei que garanta os dereitos dos falantes de albanés na República de Macedonia.

    Fonte: Balkan Insight

    14 de xullo de 2017

    O metro de Londres empregará a partir de agora unha linguaxe sen marcas de xénero para dirixirse por igual a todo tipo de persoas co fin de reflectir a gran diversidade da capital británica.

    Fonte: The Irish Times

    14 de xullo de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación compostelá da campaña a prol dun consumo responsable e solidario impulsada polo Foro Enrique Peinador e pola Irgade coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    14 de xullo de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou xunto co director científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) e director do proxecto de investigación CoToVía, Manuel González, a versión definitiva do sintetizador de voz homónimo, unha ferramenta informática que permite a conversión dun texto escrito en galego nunha cadea oral.

    14 de xullo de 2017

    O presidente da Asociación das Universidades de Lingua Portuguesa (AULP, polas súas siglas en portugués), Rui Martins, declarou que nos últimos anos se incrementou a importancia do portugués no continente asiático e defendeu que co domino desta lingua se abren novas oportunidades de futuro.

    Fonte: Diário de Notícias

    14 de xullo de 2017

    Os csangos da rexión romanesa de Moldavia constitúen unha comunidade lingüística propia cuxa lingua garda certas similitudes co húngaro. A falta de protección deste idioma e o inexistente apoio por parte das autoridades está levando aos seus falantes a adoptar o romanés como lingua vehicular.

    Fonte: The New European

    14 de xullo de 2017

    O uso do éuscaro nos territorios vascófonos reduciuse do 13,7 % ao 12,6% nos últimos 10 anos. En concreto, baixou un 8,8 % en Biscaia, un 31,1 % en Guipúscoa e un 5,3 % no País Vasco francés. Doutra banda, aumentou un 4,6 % en Áraba e un 6,7 % en Navarra.

    Fonte: EiTB

    14 de xullo de 2017

    O Goberno de Cataluña desenvolverá os "Obradoiros de lingua e socialización de familias no eido educativo", que é un proxecto que ten entre outros obxectivos o de fomentar e mellorar o uso do catalán dos pais e nais de alumnado estranxeiro ou que acaba de chegar á Comunidade e o de comprometer as familias no seguimento dos seus fillos e fillas.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder