Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    12 de xullo de 2017

    O Goberno do País Vasco concederá 400 000 euros para aumentar o uso do éuscaro nos medios de comunicación editados maioritariamente en lingua castelá. Do mesmo xeito, estas axudas tamén van dirixidas a periódicos dixitais e axencias que publican información en éuscaro na Internet.

    Fonte: ABC

    12 de xullo de 2017

    O Goberno de Aragón estableceu un plan de formación lingüística para promover o coñecemento da lingua aragonesa entre os seus empregados públicos. Deste xeito, o Goberno convocou 65 prazas para un curso titulado "Cultura e lingua aragonesa", que está dirixido a funcionariado de toda a Administración da Comunidade Autónoma.

    Fonte: ABC

    11 de xullo de 2017

    O presidente da Real Academia Galega, Vítor Freixanes, reuniuse co vicepresidente da Xunta, Afonso Rueda, para abordar posibles colaboracións en materia de toponimia.

    Fonte: Real Academia Galega

    11 de xullo de 2017

    O Goberno do País de Gales incrementará o número de escolas de inmersión en lingua galesa como unha das medidas para cumprir o obxectivo do millón de falantes en 2050.

    Fonte: BBC

    11 de xullo de 2017

    O Departamento de Portugués da Universidade de Macau (China) organiza os cursos de verán de lingua portuguesa que nesta 31 edición acollerán un total de 453 alumnos procedentes de lugares moi dispares. Trátase dunha cifra récord na historia da organización do evento.

    Fonte: Ponto Final

    11 de xullo de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística presentou o libro do profesor da Universidade neozelandesa de Auckland José Colmeiro, “Peripheral Visions / Global Sounds: from Galicia to the World”. Valentín García considerouno unha mostra do crecente interese internacional pola lingua e a cultura galegas, ao que contribúe a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia.

    11 de xullo de 2017

    Celebrouse a V Xornada Lingua e Sociedade nos Territorios de Fala Catalá, na que participou a directora de Política Lingüística de Cataluña, Ester Franquesa, quen indicou cales son as catro liñas de actuación da política lingüística catalá para os vindeiros anos: coñecemento, cohesión, consumo e cooperación.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    11 de xullo de 2017

    Esquerda Unida de Asturias realizou unha proposta a Podemos para reformar a Lei de Uso do asturiano. Esta iniciativa encádrase nun dos tres eixos principais da confluencia parlamentaria que Esquerda Unida de Asturias propón a Podemos, en concreto, no de defensa da lingua.

    Fonte: Asturies.com

    10 de xullo de 2017

    O salón de actos do Pazo de San Roque, sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acolleu a presentación da Gala aRi(t)mar 2017, que reunirá na capital de Galicia os músicos e poetas galegos e portugueses premiados na segunda edición dos Premios aRi(t)mar Galiza e Portugal. Trátase dunha iniciativa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través da Escola de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela, que apoia a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    10 de xullo de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na mesa inaugural do encontro A lingua como oportunidade que organizan o Concello de Santiago e a Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA) co apoio da Academia Galega da Lingua Portuguesa.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder