Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    31 de xullo de 2017

    Os datos actuais do estudo de linguas modernas en Escocia mostran un descenso preocupante entre o alumnado das ensinanzas medias. Actualmente só 23 000 estudantes escoceses deciden aprender unha lingua moderna, fronte aos 53 000 do informe anterior.

    Fonte: Scotsman

    31 de xullo de 2017

    O Centro Pedagóxico e Científico de Lingua Portuguesa do Instituto Politécnico de Macau quere reforzar e incrementar o ensino do portugués nas universidades chinesas. Espérase que nos próximos anos o número de institucións chinesas de ensino superior que ensinan portugués pasará das actuais 37 a polo menos 50.

    Fonte: Porto Canal

    31 de xullo de 2017

    Este novo premio de teatro infantil e xuvenil en galego levará o nome do escritor Carlos Casares, a proposta da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (Gálix).

    Fonte: Faro de Vigo

    31 de xullo de 2017

    O Concello de Ames presentou as bases para a contratación de publicidade institucional para regular o investimento municipal neste ámbito. A utilización do galego sitúase entre os criterios que se terán en conta na elección.

    Fonte: Sermos Galiza

    31 de xullo de 2017

    O Consello do Goberno Vasco aprobou unha convocatoria de axudas para elaborar materiais curriculares en lingua vasca. A estas axudas destinaranse 100 000 euros.

    Fonte: 20minutos

    31 de xullo de 2017

    A Xunta de Galicia, en colaboración co Parlamento galego e co Foro Enrique Peinador, convoca a XXIV edición dos Premios de Publicidade en Galego, uns galardóns que teñen como fin promover a publicidade en lingua galega en catro categorías: radio, televisión, internet e prensa escrita, en consonancia cos obxectivos establecidos neste ámbito polo Plan xeral de normalización da lingua galega (2004) e polo Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico (2016).

    31 de xullo de 2017

    A exposición Os mundos de Carlos Casares abre as súas portas en Ribeira, onde permanecerá ata o próximo 3 de setembro no auditorio municipal.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    29 de xullo de 2017

    A coordinadora da rede de Ensino do Portugués no Estranxeiro, Regina Duarte, informou de que os proxectos actuais de promoción da lingua portuguesa no Reino Unido están mobilizando un bo número de profesores e pais e anunciou novidades no ensino do portugués no próximo ano lectivo.

    Fonte: Mundo Português

    28 de xullo de 2017

    Aínda que non está clara a cifra total de linguas indíxenas que se falan no Brasil, todas as fontes coinciden en estimar que todas están en perigo de desaparición.

    Fonte: O Povo

    28 de xullo de 2017

    A Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) decidiu atribuírlle á Universidade de San Xosé, en Macau, o estatuto de observador consultivo da organización. A institución leva anos contribuíndo a afondar as relacións académicas entre China e o mundo lusófono.

    Fonte: Ponto final

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder