Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    26 de xullo de 2017

    O Diario Oficial da Generalitat de Cataluña publicou unha resolución que indica que o Censo de entidades de fomento da lingua catalá creceu un 5% neste ano, chegando á cifra de 198 entidades. En concreto, no 2017 sumáronse 19 novas entidades.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    26 de xullo de 2017

    A BBC publicou na súa páxina web unha reportaxe titulada "O misterio do idioma máis antigo de Europa", no que se salienta o esforzo realizado para manter vivo o éuscaro.

    Fonte: EiTB

    26 de xullo de 2017

    Os principais partidos representados na Asemblea de Irlanda do Norte teñen dificultades para chegar a un acordo sobre a aprobación dunha lei que garanta protección e dereitos para os falantes de irlandés e outros idiomas falados no Úlster.

    Fonte: Irish Times

    26 de xullo de 2017

    A Comunidade de Países de Lingua Portuguesa decidiu conceder a categoría de observador consultivo á Academia Galega da Lingua Portuguesa na reunión ordinaria do Consello de Ministros celebrada en Brasilia.

    Fonte: Galicia Confidencial

    26 de xullo de 2017

    O académico da Universidade de Georgetown Kalev Leetaru estudou cales son as mensaxes compartidas en Twitter coas taxas de preservación máis altas e o galego apareceu no posto 13 entre todas as linguas do mundo das que máis mensaxes se arquivan.

    Fonte: Galicia Confidencial

    26 de xullo de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, clausurou a XXX edición dos Cursos "Galego sen fronteiras" que organiza a Real Academia Galega coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos que tamén colaboran o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e mais a Deputación da Coruña.

    Fonte: RAG

    26 de xullo de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de homenaxe literaria e musical da Real Academia Galega á poeta Luz Pozo Garza polo seu 95º aniversario.

    Fonte: RAG

    25 de xullo de 2017

    O Parlamento de Navarra aprobou unha achega de 18 150 euros para contratar unha asesoría técnica que elabore, desenvolva e avalíe o I Plan de éuscaro para o Parlamento de Navarra 2017-2020, que xirará ao redor de tres eixes principais: comunicación e imaxe corporativa, relacións externas e relacións internas.

    Fonte: Navarra información

    25 de xullo de 2017

    O occitano, o asturiano, o mirandés, o éuscaro, o bretón e o galego serán protagonistas no VI Festival Arcu Atlánticu, que se celebrará do 25 ao 30 de xullo de 2017, baixo o título "Un mar de linguas".

    Fonte: Asturies.com

    24 de xullo de 2017

    O ministro do Interior da India, Kiren Rijiju, responsable do Departamento de Linguas Oficiais, asegurou que o Goberno da India non ten a intención de antepor o hindi a ningunha outra lingua.

    Fonte: Zeenews

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder