Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    24 de xullo de 2017

    O informe anual da S4C, a canle pública de televisión en galés, revelou un incremento no uso dos seus servizos en liña en todo o Reino Unido. En palabras do seu director, Huw Jones, este incremento é unha boa noticia para o uso da lingua galesa.

    Fonte: Daily Post

    24 de xullo de 2017

    O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou a sede da editorial Galaxia na cidade da oliveira, ocasión que aproveitou para reunirse co presidente do consello de administración da editorial, Antón Vidal Andión, e co novo director da casa, Francisco Castro, que substitúe no cargo ao actual presidente da Real Academia Galega, Vítor F. Freixanes.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    24 de xullo de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitaron o Campamento Xuvenil A Devesa de Ribadeo, onde presentaron a sétima edición do programa de dinamización da lingua galega nos campamentos de verán da Xunta de Galicia ‘O galego campa!’.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    24 de xullo de 2017

    O Goberno de Aragón, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, convocará os premios de literatura Arnal Cavero en aragonés e Guillem Nicolau en catalán. Os dous premios contan cunha dotación de 3 000 euros cada un.

    Fonte: El Periódico de Aragón

    24 de xullo de 2017

    Os vicepresidentes do Consello de Mallorca, Francesc Miralles e Jesús Jurado, trataron os traballos desenvolvidos polo servizo de normalización lingüística nos últimos dous anos, dos que agora deberá encargarse a nova dirección de Política Lingüística.

    Fonte: EcoDiario.es

    24 de xullo de 2017

    Oito gobernos autonómicos de España destinan fondos públicos para promover as súas linguas propias. En concreto, dedicaranse uns 176 millóns de euros, dos que 170 están relacionados cos idiomas considerados cooficiais nos seus respectivos territorios: galego, éuscaro e catalán.

    Fonte: ABC

    21 de xullo de 2017

    Un concerto conmemorativo será o evento escollido para a cerimonia de clausura dos cursos de galego para estranxeiros "Galego sen fronteiras" organizados pola Real Academia Galega.

    Fonte: RAG

    21 de xullo de 2017

    A poeta e experta en didáctica de linguas, Rosalía Fernández Rial, pronunciou unha conferencia para o alumnado dos cursos de lingua e cultura galegas que organiza a Real Academia Galega.

    Fonte: RAG

    21 de xullo de 2017

    A vila galesa de Aberaeron, no condado de Ceredigion, sufriu un forte descenso no número de falantes de galés. Entre as principais causas está a crecente taxa de emigración de habitantes a outras zonas.

    Fonte: Cambrian News

    21 de xullo de 2017

    Unha delegación da Sociedade Dante Alighieri foi recibida en Tirana pola ministra de Educación e Deportes de Albania, Mirela Karabina, co fin de dar luz verde a un proxecto para a promoción da cultura e lingua italianas no país balcánico.

    Fonte: 9 colonne

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder