Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de xullo de 2017

    O Goberno de Illas Baleares está a realizar o trámite de consulta pública previa sobre a proposta para desenvolver un decreto que regule os usos lingüísticos das linguas oficiais da Comunidade Autónoma. Con este decreto, o Goberno balear pretende continuar co seu labor de normalización da lingua catalá e coa defensa dos dereitos lingüísticos da cidadanía.

    Fonte: ABC

    13 de xullo de 2017

    Beñat Arrabit será o novo presidente da Oficina Pública da Lingua Vasca durante os vindeiros tres anos. Ademais, Arrabit é vicepresidente de Política Lingüística da Mancomunidade Única de Iparralde, polo que se encargará da política lingüística nas dúas organizacións.

    Fonte: EiTB

    12 de xullo de 2017

    O libro en galego Lendo lendas, digo versos de Antonio Teijeiro e Antonio Reigosa entrará na lista de obras infantís e xuvenís da IBBY, a organización máis prestixiosa do mundo en libro infantil e xuvenil.

    Fonte: Cultura Galega

    12 de xullo de 2017

    O proxecto "Apego" e a AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) foron as iniciativas gañadoras do VIII Premio Rosalía de Castro de Lingua Galega que concede a Deputación da Coruña.

    Fonte: Cultura Galega

    12 de xullo de 2017

    A Oficina do Censo dos EUA elaborou un estudo sobre o uso das linguas estranxeiras no estado de California. O tagalo ocupa nestes momentos o segundo lugar despois do español.

    Fonte: Next Shark

    12 de xullo de 2017

    O membro do Parlamento de Israel pola Lista Conxunta, Yousef Jabareen, advertiu das graves consecuencias que tería aprobar a lei que pretende eliminar a oficialidade da lingua árabe no Estado de Israel.

    Fonte: The Jerusalem Post

    12 de xullo de 2017

    O Goberno do País Vasco concederá 400 000 euros para aumentar o uso do éuscaro nos medios de comunicación editados maioritariamente en lingua castelá. Do mesmo xeito, estas axudas tamén van dirixidas a periódicos dixitais e axencias que publican información en éuscaro na Internet.

    Fonte: ABC

    12 de xullo de 2017

    O Goberno de Aragón estableceu un plan de formación lingüística para promover o coñecemento da lingua aragonesa entre os seus empregados públicos. Deste xeito, o Goberno convocou 65 prazas para un curso titulado "Cultura e lingua aragonesa", que está dirixido a funcionariado de toda a Administración da Comunidade Autónoma.

    Fonte: ABC

    11 de xullo de 2017

    O presidente da Real Academia Galega, Vítor Freixanes, reuniuse co vicepresidente da Xunta, Afonso Rueda, para abordar posibles colaboracións en materia de toponimia.

    Fonte: Real Academia Galega

    11 de xullo de 2017

    O Goberno do País de Gales incrementará o número de escolas de inmersión en lingua galesa como unha das medidas para cumprir o obxectivo do millón de falantes en 2050.

    Fonte: BBC

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder