Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de xullo de 2017

    O Departamento de Portugués da Universidade de Macau (China) organiza os cursos de verán de lingua portuguesa que nesta 31 edición acollerán un total de 453 alumnos procedentes de lugares moi dispares. Trátase dunha cifra récord na historia da organización do evento.

    Fonte: Ponto Final

    11 de xullo de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística presentou o libro do profesor da Universidade neozelandesa de Auckland José Colmeiro, “Peripheral Visions / Global Sounds: from Galicia to the World”. Valentín García considerouno unha mostra do crecente interese internacional pola lingua e a cultura galegas, ao que contribúe a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia.

    11 de xullo de 2017

    Celebrouse a V Xornada Lingua e Sociedade nos Territorios de Fala Catalá, na que participou a directora de Política Lingüística de Cataluña, Ester Franquesa, quen indicou cales son as catro liñas de actuación da política lingüística catalá para os vindeiros anos: coñecemento, cohesión, consumo e cooperación.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    11 de xullo de 2017

    Esquerda Unida de Asturias realizou unha proposta a Podemos para reformar a Lei de Uso do asturiano. Esta iniciativa encádrase nun dos tres eixos principais da confluencia parlamentaria que Esquerda Unida de Asturias propón a Podemos, en concreto, no de defensa da lingua.

    Fonte: Asturies.com

    10 de xullo de 2017

    O salón de actos do Pazo de San Roque, sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acolleu a presentación da Gala aRi(t)mar 2017, que reunirá na capital de Galicia os músicos e poetas galegos e portugueses premiados na segunda edición dos Premios aRi(t)mar Galiza e Portugal. Trátase dunha iniciativa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través da Escola de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela, que apoia a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    10 de xullo de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na mesa inaugural do encontro A lingua como oportunidade que organizan o Concello de Santiago e a Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA) co apoio da Academia Galega da Lingua Portuguesa.

    Fonte: Xunta de Galicia

    10 de xullo de 2017

    O Festival Internacional das Artes de Lingua Portuguesa (Festlip), que reúne anualmente artistas dos países de lingua portuguesa no Río de Janeiro, pode ser cancelado este ano por falta de patrocinio, informou a súa organizadora, Tânia Pires.

    Fonte: CM ao Minuto

    10 de xullo de 2017

    O número de interesados en aprender portugués en Australia aumentou nos últimos tempos. Actualmente, un total de 650 persoas están a estudar portugués, declarou o secretario de Estado das Comunidades Portuguesas, José Luís Carneiro.

    Fonte: Sol

    10 de xullo de 2017

    Dentro do Plan de fomento da aprendizaxe da lingua catalá no exterior, que desenvolven a Secretaría de Asuntos Exteriores e da Unión Europea do Departamento de Asuntos Exteriores, Relacións Institucionais e Transparencia e a Dirección Xeral de Política Lingüística do Departamento de Cultura, celebrarase, no Centro Catalán de Rosario (Arxentina), un novo curso de formación para o profesorado de lingua catalá do Cono Sur.

    10 de xullo de 2017

    A Consellería de Cultura, Participación e Deportes aumentou a oferta de obradoiros e cursos de lingua catalá para este verán, de xeito que o número de alumnos e alumnas medrou de 234 a 543 no mes de xullo. Estes cursos buscan mellorar as competencias en catalán que ofrece a Consellería, a través do Instituto de Estudos Baleáricos.

    Fonte: 20minutos

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder