Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    03 de xullo de 2016

    A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) dirixiuse á Secretaría Xeral de Política Lingüística para demandar melloras na convocatoria dos cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga.

    Fonte: CTNL

    01 de xullo de 2016

    O colectivo occitanista Tòca-i se Gausas manifestouse en Pau para denunciar as diferenzas que existen actualmente entre as subvencións destinadas ao éuscaro e ao occitano. Os activistas aproveitaron a ocasión para reclamar tamén unha verdadeira política lingüística nesta rexión do sur de Francia.

    Fonte: Jornalet

    01 de xullo de 2016

    O barrio de Jackson Heights, no distrito neoirquino de Queens, acolle persoas de moitas culturas que falan unhas 130 linguas diferentes. Un bo exemplo é o mustang, un dialecto do tibetano orixinario das montañas do Himalaia.

    Fonte: PRI

    01 de xullo de 2016

    O Goberno de Aragón publica subvencións co obxectivo de fomentar as linguas minoritarias que conviven na comunidade. As actividades que poden optar a estas axudas son: a edición de obras en aragonés ou catalán, a difusión do patrimonio lingüístico e a investigación.

    Fonte: Iustel

    01 de xullo de 2016

    As normas oficiais da International Union of Pure and Applied Chemistry (IUPAC) xa teñen unha versión en galego. Trátase dunha guía breve de esquemas das regras de nomenclatura esenciais para elaborar nomes e fórmulas de compostos inorgánicos, de compostos de coordinación e de compostos organometálicos.

    Fonte: Galicia Confidencial

    01 de xullo de 2016

    Skype presentou unha nova versión da súa aplicación que incorpora soporte lingüístico en dous idiomas que se escriben de dereita á esquerda: o árabe e o hebreo.

    Fonte: Android Community

    01 de xullo de 2016

    A Comisión Europea confirma que os resultados do referendo no Reino Unido non supoñen ningunha ameaza para o status do inglés e o irlandés como linguas oficiais en Europa.

    Fonte: The Times

    30 de xuño de 2016

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou en Lugo no acto de presentación da X edición do Certame Condado de Pallares, unha iniciativa coa que a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares promove a investigación humanística en galego.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    30 de xuño de 2016

    A Consellería de Cultura e Educación levará ata os concellos de Noia e Forcarei as propostas de dinamización lingüística do programa 'FalaRedes', que a Secretaría Xeral de Política Lingüística destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    30 de xuño de 2016

    A produción editorial en lingua galega descendeu en 2015 un 3,1 %. Pola contra, aumentou en valenciano un 22,2 %, en catalán un 13,3 % e en éuscaro un 8,5 %. En todo o estado un 84,7 % dos libros editouse en castelán, o 10% en catalán, o 1,9 % en galego, o 1,7 % en valenciano e o restante 1,7 % en éuscaro.

    Fonte: 20 minutos

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder