Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    16 de decembro de 2014

    En vésperas do 28º aniversario da Lei do éuscaro, centenares de persoas reivindicaron en Tafalla o dereito a estudar e vivir en éuscaro. A choiva non impediu que multitude de familias se botasen á rúa baixo o lema Muros mais altos caeron. Polo dereito a estudar en éuscaro, para esixir a fin da zonificación.

    Fonte: Noticias de Navarra

    16 de decembro de 2014

    A Junta de Andalucía subvencionou en 2013 un total de 6270 servizos de interpretación de lingua de signos a unha 1114 persoas no ámbito da saúde, os servizos sociais, actos privados ou públicos, comisarías de policía, xestións administrativas e comunidades de veciños, entre outros.

    Fonte: Te Interesa

    15 de decembro de 2014

    O proxecto "Native Scientist", lanzado por dúas científicas portuguesas no Reino Unido, chegou á Escola Paul Bert, en Chaville, nos arredores de París, co obxectivo de aproximar o alumnado de familias portuguesas á ciencia e á lingua portuguesa. O proxecto, que naceu en 2012 e que xa chegou a 400 nenos e nenas do Reino Unido, pretende internacionalizarse en países onde existe unha importante comunidade de orixe portuguesa.

    Fonte: Dnotícias

    15 de decembro de 2014

    A diminución dos cursos de portugués no estranxeiro fornecidos polo Goberno portugués está a preocupar as comunidades e os profesores de lingua portuguesa, que se queixan dos recortes nun momento en que a emigración aumenta. A secretaria do Sindicato de Profesores das Comunidades Lusíadas (SPCL), Teresa Soares, declarou que os últimos datos amosan unha redución anual de 30 cursos de lingua portuguesa no estranxeiro.

    Fonte: Observador

    15 de decembro de 2014

    A iniciativa "Por un Dépor en galego" aséntase na rede coa creación da súa propia web, coa que pretende fortalecer "un punto de encontro do deportivismo" que está a prol de que o club mude o nome da cidade que figura no escudo "para que finalmente sexa A Coruña".

    Fonte: Praza Pública

    15 de decembro de 2014

    O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, deu a coñecer a ampla programación de Nadal que chegará a concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, da man dunha edición de Nadal en Rede renovada e ampliada no marco da programación anual de actividades da RDL.

    Fonte: Xunta de Galicia

    12 de decembro de 2014

    Os usuarios do servizo de correo electrónico Gmail poden xa empregar o irlandés nas súas contas grazas a un importante labor de tradución levado a cabo por equipos de localización e tradutores voluntarios de todo o mundo.

    Fonte: Irish Times

    12 de decembro de 2014

    A ferramenta de tradución automática de Google integra constantemente novas linguas. A súa última actualización é importante porque incorpora o birmano, a lingua oficial de Myanmar, así como o malabar, unha das seis linguas clásicas da India que conta con 38 millóns de falantes.

    Fonte: Tech Crunch

    12 de decembro de 2014

    Apple segue sen incorporar o galego, tanto nos seus dispositivos móbiles como nos seus sistemas de escritorio, o que levou a Diego Boquete e Brais Fortes a xuntarse para reivindicar a galeguización do software de Apple a través da páxina web Queremos Apple Galego.

    Fonte: Código Cero

    12 de decembro de 2014

    A Organización das Nacións Unidas (ONU) procura profesionais que falen portugués para o seu programa de voluntarios, declarou a auxiliar de contratación internacional, Irina Daudt Rodrigues. Para poder presentarse á oferta é preciso falar un dos idiomas de traballo do programa: español, francés e inglés.

    Fonte: EBC

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder