Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    05 de setembro de 2014

    Un relatorio elaborado pola Universidade de Cambridge revela que as zonas cun índice de desenvolvemento económico máis elevado son as que rexistran maior perda de diversidade lingüística. Segunda a investigadora do estudo, unha das razóns está en que "moitos falantes se ven forzados a adoptar a lingua dominante se non queren verse relegados económica e politicamente".

    Fonte: Aljazeera

    05 de setembro de 2014

    Un idioma orixinario do norte de Alemaña, o pomerano, continúa vivo no interior do estado brasileiro de Espírito Santo, onde é lingua materna de moitas persoas. A elaboración dun dicionario e a impartición de clases nesta lingua inclúense entre as iniciativas que contribúen á súa preservación.

    Fonte: DW

    04 de setembro de 2014

    Máis de vinte mozos e mozas están matriculados no novo grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, a titulación que estrea este curso a Universidade de Vigo.

    Fonte: Universidade de Vigo

    04 de setembro de 2014

    A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou o trato que recibe a lingua galega no municipio de Vilanova de Arousa, onde o Concello "non respecta a oficialidade desta e a exclúe por completo da páxina web institucional".

    Fonte: Faro de Vigo

    04 de setembro de 2014

    O Conselleiro de Cultura da Generalitat de Cataluña, Ferran Mascarell, presidiu a reunión da Comisión Técnica de Política Lingüística, formada polos secretarios xerais dos departamentos da Generalitat e na que tamén participou a directora xeral de Política Lingüística, Ester Franquesa. O obxectivo é que os diferentes departamentos do Goberno impulsen medidas non só para o fomento e uso da lingua, senón tamén para o seu prestixio.

    04 de setembro de 2014

    O Concello de Logroño disporá dun servizo de intérprete de signos presencial e de forma estable, co fin de facilitar información e xestión ao colectivo de persoas xordas, segundo confirmou a súa alcaldesa, Cuca Gamarra.

    Fonte: La Rioja.com

    03 de setembro de 2014

    Plataforma9 é un novo portal cultural do mundo lusófono que pretende converterse “no sitio de referencia para todas as persoas e institucións interesadas en recibir información fiable e actualizada de todo o que está a acontecer e é preciso saber na cultura e na investigación en e de lingua portuguesa”. No nome de Plataforma9 insírense os nove países da lusofonía: Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guinea-Bisau, San Tomé e Príncipe, Cabo Verde, Galicia e Timor.

    03 de setembro de 2014

    O novo sistema operativo de Apple, OS X Yosemite, permitiralles aos usuarios escoller o napolitano e o siciliano como linguas para os terminais, despois de que a Unesco aceptase estes idiomas como linguas maternas.

    Fonte: Il Messaggero

    03 de setembro de 2014

    “Que falen as linguas / Que parlen les llengües” é o título do encontro literario galego-catalán que se desenvolve no pub Modus Vivendi en Compostela.

    Fonte: Sermos Galiza

    03 de setembro de 2014

    Os históricos selos editoriais valencianos Bromera e Tàndem, probablemente os que máis prestixio conseguiron dentro da edición en valenciano na recente historia impresa desta lingua, chegaron a un acordo polo que o primeiro adquire a marca Tàndem e “boa parte do seu catálogo”, ademais da responsabilidade da súa difusión.

    Fonte: El País

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder