Os traballos “Quen son?, De onde veño?”, De Nuria Valls, e “A Muna”, de Sonia Rodríguez, foron recoñecidos co Premio de Ideas para Promover o Uso do Catalán, que convocan bienalmente a Concellería de Ensino e Política Lingüística do Concello de Reus e o Centro de Normalización Lingüística da Área de Reus Miquel Ventura. O premio ten por obxectivo impulsar ideas e proxectos encamiñados a potenciar o uso da lingua catalá en calquera ámbito.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Consello Nacional Federal dos Emiratos Árabes Unidos debaterá unha nova lei que pretende incrementar o uso do árabe no país, tanto nas escolas estatais como nas universidades. Aínda que o árabe é o idioma oficial do país, na actualidade, está perdendo forza a favor do inglés que é lingua de instrución dalgúns centros de ensino.
Fonte: The National
A Asociación da Lingua e Cultura Mirandesas (ALCM) reclamoulle ao Estado portugués que asine a Carta Europea das Linguas Minoritarias, xa que se trata "dos poucos países" do continente que aínda non o fixo. A Carta Europea das Linguas Minoritarias é un tratado adoptado en 1992 polo Consello de Europa para promover e protexer as linguas rexionais e minoritarias históricas.
Fonte: Público
O Proxecto Trasno organizou a Trasnada 14, unha xuntanza de debate terminolóxico, na que tamén se ensina a configurar e preparar un proxecto de tradución de software libre.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Prolingua vén de remitirlle unha misiva ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) logo de recibir críticas porque non ofrece toda a súa documentación técnica e de apoio en galego, malia ser esta a lingua propia e cooficial do territorio no que este Colexio exerce a súa actividade.
Fonte: Galicia Confidencial
A Secretaría Xeral de Medios fai pública, no DOG do 21 de novembro de 2014, a resolución da convocatoria de axudas ás empresas que realizan publicacións periódicas escritas integramente en galego.
Fonte: Consello da Cultura Galega
O Goberno catalán aprobou o decreto que regula os servizos de acollida dos inmigrantes, para o que os que o soliciten deben obter un certificado de 90 horas de catalán.
Fonte: E-notícies
Canal + e o Goberno vasco subscribiron un convenio polo que a televisión lles ofrecerá aos seus abonados un mínimo de 100 filmes estranxeiros e 11 series en versión orixinal subtitulados en éuscaro ao ano ata 2016.
Fonte: El País
A Xunta Xeral aprobou en sesión plenaria unha moción de Esquerda Unida que lle pide ao Principado que negocie co Goberno central “con todos os medios ao seu alcance” para que se inclúan nos decretos de primaria e secundaria a especialidade do asturiano “para normalizar e equipar os profesores de asturiano co resto do profesorado”.
Fonte: 20 minutos
Un informe elaborado por unha axencia do Departamento de Educación do Goberno de Irlanda mostrou que os nenos nativos de irlandés teñen mellores competencias en inglés que en irlandés. Os investigadores do estudo analizaron as habilidades lingüísticas de 50 nenos, de idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos, cuxa lingua materna era exclusivamente o irlandés.
Fonte: RTE
Boletín
Subscríbase ao boletín