Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    17 de novembro de 2014

    O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, destacou o uso da lingua galega como “un valor engadido” á hora de comercializar produtos autóctonos.

    Fonte: El Ideal Gallego

    17 de novembro de 2014

    O pasado ano unhas trescentas sinaturas de profesores universitarios, alumnos e tamén reitores e decanos de centros de todo o planeta apoiaron unha proposta dirixida á Modern Language Association en demanda de que os estudos sobre lingua e literatura galegas contasen cunha sección propia permanente e un grupo de debate de seu no seo desta entidade. Esa proposta vén de acadar o seu obxectivo.

    Fonte: Praza Pública

    17 de novembro de 2014

    A proposición ten como finalidade facer que a oficialidade do catalán na Administración de Xustiza sexa plenamente efectiva. Desta maneira daríase cumprimento non só á lexislación vixente senón tamén ás recomendacións do Consello de Ministros do Consello de Europa sobre a aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

    17 de novembro de 2014

    O Parlamento vasco pediulle ao Goberno de Iñigo Urkullu que analice as “medidas necesarias” para que os medios de comunicación en éuscaro dispoñan das condicións necesarias para a súa continuidade polo seu “carácter fundamental” para a normalización lingüística.

    Fonte: EITB

    15 de novembro de 2014

    A falta de profesores de portugués e de materiais de apoio están a dificultar a expansión da lingua portuguesa en Venezuela, informou o coordinador do Instituto Camões, Rainer Sousa.

    Fonte: Notícias ao Minuto

    15 de novembro de 2014

    O número de francófonos aumentou no mundo un 7 % entre 2010 e 2014, ata chegar aos 274 millóns de persoas, o que converte o francés na quinta lingua máis falada no mundo. Pola contra, a súa importancia segue diminuíndo nas organizacións internacionais, subliña o relatorio A lingua francesa no mundo.

    Fonte: La Presse

    14 de novembro de 2014

    Co gallo do Día das Letras Galegas 2014, a Rede de Dinamización Lingüística convocou en Cambados un concurso de cuñas de radio orientadas a promover a lingua galega. As gañadoras do concurso foron Tania Castro Torres, Alba Martínez Padín e Catalina Costa Vázquez, alumnas de ESO no colexio Salesianos de Castrelo.

    Fonte: Faro de Vigo

    14 de novembro de 2014

    O Goberno de Portugal aprobou a obrigatoriedade de cursar a materia de inglés a partir do terceiro ano de escolaridade. A medida entrará en vigor a partir do próximo ano lectivo.

    Fonte: Rádio Notícias

    14 de novembro de 2014

    O Goberno irlandés recibiu críticas por empregar a ferramenta de tradución automática de Google para traducir ao irlandés as seccións do sitio que conmemora o Alzamento de Pascua de 1916.

    Fonte: Silicon Republic

    14 de novembro de 2014

    O Goberno vasco aumentará o próximo ano 2015 un 2,3 % os recursos destinados a financiar distintos plans e iniciativas de promoción do éuscaro ata acadar un total de 48,2 millóns de euros fronte aos 47,2 millóns de euros das contas do presente exercicio. Destaca o aumento do 25 % das axudas aos alumnos dos euskaltegis.

    Fonte: El País

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder