Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    24 de outubro de 2014

    Nun debate sobre a importancia do investimento na aprendizaxe de linguas, o xefe de Política Educativa da Confederación de Empresarios de Irlanda (IBEC, polas súas siglas en inglés) declarou que Irlanda non pode satisfacer o seu potencial no mercado mundial por mor do limitado desenvolvemento das habilidades lingüísticas dos traballadores.

    Fonte: Irish Examiner

    24 de outubro de 2014

    O municipio brasileiro de Recife reforzará o ensino da lingua inglesa. A Secretaría Municipal de Educación e o British Council asinaron un convenio para desenvolver sesións de capacitación de profesores deste idioma.

    Fonte: NE10

    24 de outubro de 2014

    Xa temos á nosa disposición, e en galego, a versión 3.14 do escritorio libre Gnome.

    Fonte: Código Cero

    24 de outubro de 2014

    O conselleiro de Educación, José Iribas, asegurou que a demanda para estudar en éuscaro na zona non vascófona de Navarra é do 5 %, porcentaxe que obtén da matrícula rexistrada este curso nas ikastolas de iniciativa social sitas nesa parte da xeografía foral. Unha cifra que choca co último estudo sociolingüístico elaborado polo Goberno foral e que conclúe que o 28 % dos cidadáns da zona non vascófona matricularía os seus fillos e fillas no ensino en éuscaro.

    24 de outubro de 2014

    A Consellería de Educación, Cultura e Deporte recoñeceu as probas de dominio convocadas por outras catro entidades e universidades da Comunidade Valenciana como acreditadoras da competencia lingüística en linguas estranxeiras nesta comunidade.

    Fonte: ABC

    24 de outubro de 2014

    A Xunta de Galicia participou na presentación da nova campaña que porá en marcha Ponte... nas ondas! para a inscrición do patrimonio inmaterial galego-portugués na listaxe representativa da Unesco.

    Fonte: Xunta de Galicia

    23 de outubro de 2014

    O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou en Ourense no acto de conmemoración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, que promove a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    Fonte: Xunta de Galicia

    23 de outubro de 2014

    O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela mantén aberto ata o día 26 de outubro a matrícula no obradoiro de elaboración e defensa de traballos de fin de grao ou mestrado en galego.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    23 de outubro de 2014

    A Xunta de Galicia conmemorou no Parlamento o décimo aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) e o Día da Galeguidade Empresarial. Fíxoo a través dun acto que organizaron conxuntamente a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Foro Enrique Peinador e a Cámara Galega.

    Fonte: Xunta de Galicia

    23 de outubro de 2014

    As persoas que teñen dúbidas ao escribir en éuscaro contan xa cun novo corrector, Hobelex, que se pode descargar gratuitamente en internet e que ademais de evitar as faltas de ortografía garante unha escritura co léxico correcto segundo os criterios de Euskaltzaindia.

    Fonte: Diario Vasco

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder