Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    23 de outubro de 2014

    O Goberno vasco duplicará o orzamento destinado á promoción do éuscaro na Ertzaintza, que o próximo ano ascenderá a un millón de euros, co obxectivo de incrementar o número de axentes que coñecen a lingua vasca, que na actualidade apenas supoñen o 37,6 por cento do persoal, fixado en 8000 membros.

    Fonte: Deia

    23 de outubro de 2014

    A Real Academia Española alíñase coa Academia Valenciana da Lingua e non rectifica coa definición do valenciano. A edición en formato papel do dicionario da RAE chegou ás librerías da provincia de Castellón e mantén que é unha variante do catalán.

    Fonte: El Periódico Mediterráneo

    22 de outubro de 2014

    Desde Bogotá estase promovendo a creación dun medio de información para os indíxenas do país. Trátase do diario Konuco & Chagras que pretende chegar ás zonas selváticas do país con noticias en español e linguas nativas.

    Fonte: El Espectador

    22 de outubro de 2014

    A Asociación de Turcos de Serbia lanzou unha iniciativa que defende a introdución da lingua turca nas escolas serbias como materia opcional. Expertos turcos acolleron a proposta con satisfacción e declararon que podería ser beneficiosa para garantir os dereitos dos cidadáns turcos no país balcánico e para favorecer as relacións diplomáticas entre os dous países.

    Fonte: SETimes

    22 de outubro de 2014

    A Asociación Cultural O Brado, da Estrada, fixo públicos os galardoados dos XXIV Premios San Martiño de Normalización Lingüística, convocados anualmente para premiar a persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    22 de outubro de 2014

    O Equipo de Normalización Lingüística do Instituto Marco do Camballón, de Vila de Cruces, mantén aberto ata o 7 de novembro o prazo de participación no concurso de fotografías de tatuaxes. A organización establece dúas categorías: palabras tatuadas en lingua galega ou "Galiza, a flor de pel", na que se inclúen tatuaxes de temática galega.

    Fonte: Faro de Vigo

    22 de outubro de 2014

    A Xunta de Galicia presenta GaliciaLe, unha plataforma de préstamo de libros electrónicos que ofrece dous catálogos, un de obras en galego e outro de obras en castelán, de temática diversa (ficción, informática, historia…).

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    22 de outubro de 2014

    O Goberno de Eivisa, a través do seu Departamento de Educación, Cultura e Patrimonio, abriu unha liña de subvencións para o fomento do uso da lingua catalá nos ámbitos do comercio, a restauración, a industria e os servizos de actuacións levadas a cabo durante o ano 2014. Cóntase cunha partida total de 9000 euros para este fin.

    Fonte: Diario de Ibiza

    22 de outubro de 2014

    O Gremio de Empresarios carniceiros e chacineiros, Gesa Maior e Goly Creations de Vic son os gañadores da XI edición do Premio CCC á mellor iniciativa lingüística no sector comercial. Este galardón, que ten como finalidade recoñecer o esforzo que fan as entidades, empresas e asociacións dos sectores do comercio, os servizos e do turismo para promover o uso do catalán, conta co apoio da Generalitat de Cataluña, a través dos departamentos de Empresa e Emprego, de Cultura (Dirección Xeral de Política Lingüística) e de Benestar Social e Familia (Dirección Xeral para a inmigración).

    21 de outubro de 2014

    Mundus21, unha canle de televisión en internet, reunirá vídeos de produción cultural en lingua portuguesa e pretende converterse na maior base de datos mundial nesta área, informou á axencia Lusa a directora xeral do proxecto.

    Fonte: Diário digital

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder