Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    21 de maio de 2014

    Non só de inglés viven os estudantes estremeños. A aspiración de saber comunicarse noutro idioma aparte do propio parece unha fase superada. Agora, os alumnos de Secundaria estudan dúas linguas estranxeiras. E algúns, tres. En concreto, son 24 os institutos da comunidade autónoma que imparten unha terceira lingua estranxeira, ou o que é o mesmo, o 19 por cento dos centros da rexión. En total, uns seiscentos alumnos estremeños están estudando para ser trilingües.

    20 de maio de 2014

    O Dalai Lama, líder espiritual do Tíbet, declarou nos Países Baixos que tanto a lingua como a relixión tibetanas están ameazadas e engadiu que os dirixentes de liña dura presentes no Tíbet continúan atacando estes dous piares fundamentais do pobo tibetano.

    Fonte: Daiji World

    20 de maio de 2014

    O sitio web do Parlamento Europeo xa está dispoñible en irlandés, anunciou a institución nun comunicado de prensa. A partir de agora todas as seccións máis importantes do Parlamento Europeo estarán tamén en irlandés, incluíndo o portal e os apartados Noticias, Sobre o Parlamento, Plenario, Comisións e Delegacións.

    Fonte: The Irish Times

    20 de maio de 2014

    No último ano, a porcentaxe do uso do galego na rede reduciuse á metade, segundo datos estimativos de w3techs.com, pasando de case un 0,015 % do total de contidos web no mundo a apenas un 0,0075 %. A caída foi especialmente dramática durante os meses de maio, setembro e outubro de 2013.

    Fonte: Ciencia Galega

    20 de maio de 2014

    A plataforma en liña iNaturalist, que ofrece contidos sobre biodiversidade en inglés, traduciu todos os datos e interfaces da aplicación ao español, catalán, éuscaro e galego. iNaturalist permite rexistrar localizacións de especies, compartilas con outros usuarios e permite identificar aquelas especies descoñecidas ou dubidosas a través dunha aplicación de teléfono móbil intelixente.

    Fonte: La Vanguardia

    20 de maio de 2014

    A asociación Zenbat Gara presentou a iniciativa “Gazteola”, cuxo obxectivo é promover o uso do éuscaro no ocio e o ensino de nenos e novos de entre 6 e 19 anos. A iniciativa desenvolverá as súas actividades durante todo o ano, pero para este verán xa organizou diversos campus colonias, cursos e obradoiros.

    Fonte: Deia

    19 de maio de 2014

    Tras a activación técnica do .gal o pasado 11 de abril, aproveitouse a data do Día das Letras Galegas e do Día Internacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información para presentar a primeira páxina web creada baixo este dominio, na que se dá conta dos prazos de lanzamento e as condicións para poder acceder aos novos dominios.

    Fonte: Código Cero

    19 de maio de 2014

    O ministro portugués de Educación e Ciencia, Nuno Crato, dixo en Pequín que Portugal vai colaborar co Instituto Confucio no ensino da lingua chinesa na educación secundaria en Portugal. O ministro non quixo fixar unha data para a introdución da disciplina nos programas curriculares, mais adiantou como posibilidade un prazo de tres a cinco anos.

    Fonte: Destak

    19 de maio de 2014

    O programa municipal de inmersión lingüística, Vigo en inglés 2014, permitirá a 290 alumnos da ESO viaxar este verán a Gran Bretaña.

    Fonte: Concello de Vigo

    19 de maio de 2014

    O presidente de Uganda, Yoweri Museveni, fixo un chamamento a líderes culturais do seu país para que se concentren na promoción das súas tradicións e linguas locais co fin de evitar a súa desaparición.

    Fonte: New Vision

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder