Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de agosto de 2014

    Tras máis dun mes de votacións, os usuarios de LaVanguardia.com escolleron o tema Som de Cybee como canción do verán 2014 en catalán. A enquisa rexistrou un total de 22 850 votos de entre os que 9010 foron para o tema vencedor.

    Fonte: La Vanguardia

    25 de agosto de 2014

    O Goberno vasco destinou axudas por un importe superior aos oitocentos mil euros para a elaboración de material escolar en éuscaro. A partida máis importante, por un montante de 514 627 euros, está destinada a subvencións para libros e demais material didáctico de niveis non universitarios impresos en éuscaro. O obxectivo destas subvencións é que o ensino en éuscaro non supoña un incremento do gasto para o alumnado en razón do material didáctico utilizado.

    25 de agosto de 2014

    O grupo municipal do BNG denunciou que o Goberno local «discrimina a lingua galega na escola infantil da Agra do Orzán» xa que, á vista do prego técnico para o contrato de xestión indirecta mediante concesión, se valora o inglés con ata dez puntos «e omítese toda alusión á lingua galega».

    Fonte: La Voz de Galicia

    25 de agosto de 2014

    O engadido de calidade que supón ofrecer actividades no Camiño de Santiago foi decisivo para que a Universidade de Santiago de Compostela fose elixida entre máis de corenta propostas para ser a sede na que un centenar de estudantes brasileiros entre 16 e 19 anos participen nun proxecto de inmersión lingüística, emprendemento e liderado.

    Fonte: La Voz de Galicia

    25 de agosto de 2014

    Máis da metade da poboación mundial fala máis dun idioma. Para eles, Google actualizou Google Now, que agora permite falar en máis dun idioma sen necesidade de especificar lingua ou cambiar a configuración.

    Fonte: Softonic

    25 de agosto de 2014

    The Telegraph ou The Independent, entre outros, recollen o informe sobre educación secundaria que revela un significativo aumento do número de alumnos que estudan español en Reino Unido, fronte a un descenso do francés e o alemán.

    Fonte: Radio Cable

    25 de agosto de 2014

    A semana da lingua guaraní ten como obxectivo que ese idioma, oficial xunto ao español, se fale en todos os ámbitos da sociedade, especialmente nos menos habituais, como empresas e Administración pública, segundo informou a Secretaría de Políticas Lingüísticas.

    Fonte: Última Hora

    22 de agosto de 2014

    Un total de 21 entidades donostiarras sen ánimo de lucro repartiranse os 13 133 euros que o Concello de San Sebastián aprobou para o desenvolvemento de proxectos de fomento do éuscaro. Trátase de iniciativas que se organizan para completar e desenvolver o Plan xeral do éuscaro, informou o consistorio donostiarra nun comunicado.

    Fonte: Diario Vasco

    22 de agosto de 2014

    Unha nova edición do Eurobarómetro sitúa a España como o segundo país co nivel de inglés máis baixo da rexión, só por detrás de Hungría. De acordo co estudo, só un 22 % dos españois maiores de 18 anos domina a lingua e un 7 % asegura ter un nivel avanzado.

    Fonte: Universia

    21 de agosto de 2014

    O Senado Federal propuxo novos cambios na lingua portuguesa. O proxecto inclúe, entre outras modificacións, a eliminación da letra "h" no inicio das palabras e da letra "u" en "queijo", por exemplo, ademais da substitución do "ch" por "x".

    Fonte: O Povo

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder