Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    02 de agosto de 2014

    Malia as iniciativas no País de Gales que animan as persoas que falan galés a empregaren esta lingua nas novas tecnoloxías, un estudo realizado pola empresa Mentrau Iaith Cymru mostrou que un cuarto de todos os falantes de galés cambian ao inglés cando utilizan as redes sociais.

    Fonte: Wales Online

    02 de agosto de 2014

    O MossaLingua, unha nova aplicación do ámbito lingüístico, consolidada no mercado europeo, chega agora ao Brasil co fin de facilitar a aprendizaxe de cinco linguas (inglés, español, francés, italiano e alemán) en terminais de iOS e Android.

    Fonte: TecMundo

    01 de agosto de 2014

    Un total de cinco localidades arabesas van proxectar durante o mes de agosto estreas de cine en éuscaro ao aire libre dentro do ciclo “Zinemairean”, organizado pola Deputación coa colaboración económica de Caixa Laboral.

    Fonte: ABC

    01 de agosto de 2014

    Máis de 60 alumnos con dificultades auditivas participaron durante este curso 2013-2014 no programa ABC, unha iniciativa da Consellería de Educación, Cultura e Universidades que se desenvolve en catro centros de Infantil e Primaria e nun de Secundaria.

    Fonte: Murcia.com

    31 de xullo de 2014

    Os concellos lucenses de Sober e Carballedo acollen as últimas sesións coas que a xincana lingüística Augalingua pecha unha exitosa xira por 20 localidades da man do programa FalaRedes.

    Fonte: Xunta de Galicia

    31 de xullo de 2014

    A escola de verán "Codificación para comunidades lingüísticas" de Minde (Portugal) traballará na creación de solucións para a falta de hardware e software en linguas ameazadas, co fin de que "todos os idiomas poidan ser utilizados no día a día con recursos adecuados", declarou á axencia de noticias Lusa a presidenta do Centro Interdisciplinar de Documentación Lingüística e Social (CIDLeS).

    Fonte: Jornali

    31 de xullo de 2014

    O filólogo nipón e especialista en lingua galega Takekazu Asaka publicou a tradución ao xaponés de Contos da miña terra, de Rosalía de Castro, que cumpre 150 anos dende a súa primeira edición en 1864.

    Fonte: Galicia Hoxe

    31 de xullo de 2014

    “Meniñeiros” é unha colección de libros electrónicos con historias de seres fantásticos da mitoloxía popular galega. É unha iniciativa de dúas estudantes de Xornalismo, que a presentaron o pasado 3 de xullo como Traballo de Fin de Grao. Xa está dispoñible o primeiro libro da colección, O Trasno, para todos os nenos que queiran aprender xogando en galego.

    Fonte: Galicia Confidencial

    31 de xullo de 2014

    O Consello de Goberno vasco aprobou unha orde pola que se convocan subvencións para libros e demais material didáctico de niveis non universitarios impresos en éuscaro (EIMA I). O obxectivo destas subvencións, por un importe total de 514 627 euros, é que o ensino en éuscaro non supoña un incremento do gasto para o alumnado en razón do material didáctico utilizado.

    Fonte: Diario Vasco

    31 de xullo de 2014

    Os pais ou titores dos alumnos de comunidades autónomas con lingua cooficial que queiran estudar en castelán e non conten con prazas públicas dispoñibles o próximo curso 2014-2015 xa poden iniciar os trámites para solicitar una praza nun centro escolar privado.

    Fonte: Telecinco

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder