Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    22 de xullo de 2014

    O número de empregados públicos da Administración de Xustiza dependentes do Goberno vasco que deben acreditar o coñecemento da lingua vasca crece, pero a presenza do éuscaro nos procesos xudiciais non avanza. Nos xulgados de paz, sobre todo nas zonas con maior porcentaxe de vascofalantes, ou nos rexistros civís fálase e trabállase en éuscaro con relativa normalidade, pero noutros ámbitos xudiciais é mínima.

    Fonte: El País

    21 de xullo de 2014

    Nunha navegación superficial, a web parece completamente bilingüe castelán-éuscaro. Pero en canto se busca por distintos apartados obsérvase que as informacións en éuscaro quedan relegadas a un segundo plano. “Faltan contidos, non se traducen todas as noticias e cando se fai adoitan publicarse máis tarde có seu equivalente en castelán”, expoñen desde o Consello Navarro do Éuscaro.

    Fonte: Noticias de Navarra

    21 de xullo de 2014

    Os editores en lingua catalá apostan polo crecemento do sector a pesar das cifras negativas da venda de libros en España, que diminuíu un 9,7 % durante 2013, segundo mostra a Análise do Comercio do Libro en España, presentado pola Federación de Gremios de Editores de España.

    Fonte: La Información

    21 de xullo de 2014

    Lingüistas como Xosé Manuel Sardiña apuntan que un bo indicativo para medir a saúde do galego na rede é fixarse na súa actividade en Wikipedia. Nela, o galego ocupa o posto 46 en número de páxinas vistas e o 47 en cantidade de artigos escritos neste idioma.

    Fonte: Faro de Vigo

    20 de xullo de 2014

    A Academia Latina das Artes e Ciencias da Gravación dos Estados Unidos outorgaralles o premio Grammy de carreira a dous artistas lusófonos, o fadista portugués Carlos do Carmo, de 74 anos, e o cantante brasileiro Ney Matogrosso, de 72.

    Fonte: Euronews

    18 de xullo de 2014

    O Departamento vasco de Seguridade presentoulles aos sindicatos o primeiro Plan de Uso do Éuscaro na historia da Ertzaintza, para afrontar “o reto de dar un servizo policial bilingüe á sociedade vasca”, que prevé pasar dos 25 actuais aos 80 ou 100 ertzainas liberados cada ano para acudir a cursos formativos de éuscaro a partir de 2015.

    Fonte: Europa Press

    18 de xullo de 2014

    A Asociación Cultural Faceira e a Asociación Cultural Rei Ordoño I organizan o cuarto encontro para a recuperación do patrimonio cultural e lingüístico leonés nos municipios de Villamejil e Otero de Escarpizo.

    Fonte: Ileón

    18 de xullo de 2014

    O ensino de linguas na Universidade de Vigo volve reinventarse e se hai cinco anos ofertou o Grao en Estudos de Galego e Español, o vindeiro curso 2014-2015 impartirá o novo Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, unha titulación única na universidade española, que combina “os saberes cunha sólida tradición no ensino das linguas e as literaturas con saberes innovadores”, explica Rosa Pérez, decana da Facultade de Filoloxía e Tradución, que xunto ao reitor, Salustiano Mato e o coordinador do grao, Fernando Ramallo, presentaron a titulación.

    18 de xullo de 2014

    O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou o centro residencial docente da Coruña no que alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO participa no programa de estadías de inmersión lingüística.

    Fonte: Xunta de Galicia

    18 de xullo de 2014

    O máis alto representante do Concello de Cardiff, Phil Bale, anunciou que a capital galesa contará cun novo centro para a aprendizaxe do galés. A decisión foi revelada con motivo da celebración do festival anual da lingua galesa Tafwyl.

    Fonte: BBC

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder