Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de xullo de 2014

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa estes días en Ribeira, en Ames e na Bola o concerto de fados en galego "Os sons do vento que pasa". Trátase da nova actividade de verán do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2014 da Xunta de Galicia.

    Fonte: Xunta de Galicia

    11 de xullo de 2014

    A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentou o VIII Certame de Investigación Lingüística Condado de Pallares, promovido pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, en colaboración co departamento de Cultura e Educación da Xunta de Galicia. O certame, indicou a delegada, busca impulsar “os labores de investigación asociados aos ámbitos da lingüística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, a etnografía e o folclore no antigo territorio que conformou o coñecido Condado de Pallares”.

    11 de xullo de 2014

    O presidente de Colombia, Juan Manuel Santos, aprobou un novo programa denominado "Colombia Very Well" co fin de fomentar o bilingüismo español-inglés no país.

    Fonte: Colombia Reports

    11 de xullo de 2014

    O máis alto tribunal da Unión Europea (UE) anulou a norma da República Federal de Alemaña que establecía que os cidadáns turcos que quixesen reunirse cos seus cónxuxes tiñan que ter coñecementos básicos de alemán.

    Fonte: Hurriyet Daily News

    11 de xullo de 2014

    O xuíz do Centro de Internamento de Estranxeiros (CIE) de Barcelona ordenou traducir os boletíns que informan os reclusos dos seus dereitos, non só ás linguas oficiais dos seus países, senón tamén ás que falan unha porcentaxe notoria da poboación, como o wolof, o mandinga ou o guxaratí.

    Fonte: El Periódico

    11 de xullo de 2014

    Un grupo de oito deputados cataláns e valencianos enviaron unha carta ao presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz, para reclamar que se retome o diálogo para que exista a opción de falar catalán no plenario da Eurocámara.

    Fonte: La Vanguardia

    11 de xullo de 2014

    Lingüistas italianos confirmaron que a lingua de Dante é a cuarta máis estudada no mundo, por diante de idiomas como o chinés, o xaponés e o alemán. As primeiras tres linguas máis estudadas son o inglés, o francés e o español.

    Fonte: Corriere della Sera

    11 de xullo de 2014

    As habilidades para as matemáticas e as linguas están determinadas polos mesmos xenes, segundo un estudo publicado na revista Nature. A investigación tamén salienta a influencia do medio para o desenvolvemento da persoa.

    Fonte: Galileu

    10 de xullo de 2014

    A plataforma de crítica literaria "A Sega" anuncia a convocatoria da edición inaugural do Día das Galegas nas Letras, unha conmemoración que busca celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular. A primeira edición, que se celebrará o vindeiro 15 de agosto, estará dedicada a Dolores Schubarth, compiladora do Cancioneiro Popular Galego.

    Fonte: Praza Pública

    10 de xullo de 2014

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou no concello coruñés de Carballo no acto de apertura do X curso de verán sobre dinamización lingüística “Traballando en lingua”, que nesta edición se centrará na transmisión interxeracional do galego.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder