Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    07 de xullo de 2014

    Durante o verán a asociación Banaiz Bagara continúa traballando cos seus grupos, neste caso, con actividades máis propias do período estival. Para este ano organizaron de novo paseos para practicar o éuscaro.

    Fonte: Diario Vasco

    07 de xullo de 2014

    Xosé Filgueira Valverde será o protagonista das Letras Galegas en 2015, segundo anunciou a Real Academia Galega na xuntanza ordinaria do seu pleno. Xela Arias, Ricardo Carvalho Calero, Celestino Fernández de la Vega e Manuel María eran os outros catro candidatos.

    Fonte: Praza Pública

    06 de xullo de 2014

    Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), destacou a orixe das diferentes actividades preparadas para conmemorar os setenta anos da publicación de Sempre en Galiza de Afonso R. Castelao. O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Fundación Castelao, celebrou no Parlamento un acto institucional presidido por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, Ramón Villares, presidente do CCG, e Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao.

    06 de xullo de 2014

    Segundo datos da Generalitat de 2013, das 248 241 sentenzas emitidas nos partidos xudiciais cataláns 217 543 foron en castelán e 30 698 en catalán, o que supón un 12,4 % do total. Só nas demarcacións de Xirona e Lleida se ditaron máis dun 30 % de sentenzas en catalán, mentres que en Tarragona e Terras do Ebro non chegaron ao 2 %.

    Fonte: El Mundo

    06 de xullo de 2014

    O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte publicou os "Resultados Detallados das Estatísticas dos Ensinos non Universitarios do curso 2012-2013" referentes á "Aprendizaxe de linguas estranxeiras", que sitúa a Rexión de Murcia na cabeza en canto á aprendizaxe de linguas estranxeiras.

    Fonte: 20 Minutos

    04 de xullo de 2014

    O recinto feiral de Arzúa acollerá case doce horas de concertos, debates, gastronomía e actividades infantís, con especial protagonismo para a escola en galego Semente. Todo co obxectivo de reflexionar, divertirse e coñecerse ao redor das potencialidades e oportunidades que ofrece a lingua galega no seo da lusofonía.

    Fonte: Praza Pública

    04 de xullo de 2014

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, comezou o mes de xullo levando as propostas de lecer en galego do FalaRedes 2014 a sete novos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Trátase da xincana Augalingua, que chegará a Pontedeva, tras pasar polas localidades de Barbadás, Avión e A Baña, onde fixo as ledicias dos nenos e nenas de 6 a 12 anos que se achegaron ás piscinas municipais dos respectivos concellos.

    04 de xullo de 2014

    A vixésimo sétima edición dos cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia contará este ano coa participación de 65 estudantes de 22 nacionalidades diferentes.

    04 de xullo de 2014

    Un informe do comité da lingua galesa do condado galés de Gwynedd establece que os empregados públicos dos centros de lecer poderán ser expedientados se non falan galés cos cidadáns que se dirixan a eles nesa lingua.

    Fonte: BBC

    04 de xullo de 2014

    Varios funcionarios públicos e xornalistas timorenses comezarán unha formación en lingua portuguesa, anunciou o Centro de Formación Técnica en Comunicación (CEFTEC) do Goberno timorense. O obxectivo é "garantir os coñecementos mínimos e necesarios" en lingua portuguesa, "especialmente dos profesionais" que participan na organización do cumio de xefes de Estado e de Goberno da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder