Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    30 de xuño de 2014

    Os Premios Lois Peña Novo recoñecen o traballo de persoas, institucións ou empresas na consolidación do galego no eido das administracións públicas, na vida institucional e na sociedade en xeral. Na súa XX edición, os galardóns recaeron no catedrático de Física aplicada Jorge Mira, na maxistrada Dalila Dopazo e no Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.

    Fonte: Xunta de Galicia

    30 de xuño de 2014

    O escritor e académico, Xosé Neira Vilas, gaña o Premio Otero Pedrayo pola súa contribución á cultura galega, nunha reunión celebrada en Pontevedra que contou coa participación dos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística.

    Fonte: Xunta de Galicia

    30 de xuño de 2014

    O distrito hospitalario de Satakunta, no oeste de Finlandia, cambiará a lingua do seu sitio web por un finés máis simplificado co fin de facilitar o acceso á información das persoas que están aprendendo a lingua e de aquelas que presentan dificultades de aprendizaxe ou de lectura.

    Fonte: UUTISET

    30 de xuño de 2014

    O reitor da Universidade de Coímbra, João Gabriel Silva, destacou que Coímbra é unha marca de Portugal e do mundo lusófono e um símbolo central da lingua portuguesa e da súa cultura. "Coímbra é unha marca recoñecida no mundo, non só polo seu patrimonio físico, mais tamén polo que inmaterialmente representa", subliñou o reitor na sesión conmemorativa do primeiro aniversario da aprobación da Universidade como patrimonio mundial da UNESCO.

    30 de xuño de 2014

    O fundador da Wikipedia, Jimmy Wales, tivo palabras de apoio para a comunidade en catalán desta enciclopedia colaborativa na rede, destacando que se trata dunha comunidade “enorme” en relación ao peso demográfico da lingua. Unha afirmación que apoiou con datos, lembrando que a edición catalá desta enciclopedia conta con 430 000 artigos e é, pois, a 17ª en canto a número de entradas.

    Fonte: Crónica Global

    30 de xuño de 2014

    Crear a Euskal Wikipedia, promover o dominio .eus na internet, apoiar as versións subtituladas ao éuscaro das estreas de cinema máis punteiras, desenvolver programas de euscaldunización para adolescentes inmigrantes, impulsar que o alumnado universitario e de FP poida realizar as súas prácticas en éuscaro… Así ata 168 accións diferentes para “acelerar o exitoso proceso de revitalización do éuscaro” presentadas polo Goberno vasco.

    Fonte: Noticias de Álava

    27 de xuño de 2014

    O curso "O galés no ámbito laboral", impartido na Universidade de Bangor (País de Gales), ofrécelles ás persoas que non teñen coñecemento ningún de galés a posibilidade de desenvolver as súas destrezas lingüísticas e a aqueles que xa o falan a confianza suficiente para poder usalo na sociedade.

    Fonte: Daily Post

    27 de xuño de 2014

    Arabia Saudita está a piques de completar a tecnoloxía que permitirá descargar dentro da gran mesquita da Meca o Corán en 72 linguas.

    Fonte: Arab News

    27 de xuño de 2014

    En 2009, o número de falantes de portugués nos EUA ascendía a 682 323, o que converte o portugués na duodécima lingua máis falada no país. Así o conclúe un estudo encomendado pola Fundación Luso-Americana. A pesar de que Portugal foi o pioneiro da emigración ao país americano, agora son os brasileiros e os caboverdianos os que dominan os fluxos migratorios dos lusófonos.

    Fonte: JornalI

    27 de xuño de 2014

    A aplicación "GoingAbroad" está dispoñible en 22 linguas, para iPhone e iPad, e teléfonos Android e aplicacións de Microsoft Windows. Alén de fornecer toda a información necesaria sobre a seguranza viaria en todos os países da Unión Europea, a aplicación contén tamén un conxunto de seguranza viaria e un xogo de memoria.

    Fonte: Transportes em revista

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder