Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    23 de xuño de 2014

    As empresas británicas incrementaron a procura de traballadores que falen chinés mandarín con fluidez, revelou a maior organización de empregadores do Reino Unido. O estudo, efectuado pola Confederación da Industria Británica, conclúe que o coñecemento de linguas europeas continúa a ser o máis demandado. Porén, aumenta a procura de candidatos con coñecementos en linguas que posibiliten a entrada noutros mercados.

    Fonte: Porto Canal

    23 de xuño de 2014

    Timor Leste asumirá a presidencia da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) durante o cumio de xefes de Estado e de Goberno de Dili. O lingüista timorense Benjamim Corte Real afirmou nunha entrevista que a presidencia servirá para impulsar o interese pola aprendizaxe da lingua portuguesa no país.

    Fonte: Público

    23 de xuño de 2014

    A Rede de Dinamización Lingüística, que coordina a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, celebrou un dos actos de entrega de premios da fase local do certame de dinamización lingüística ‘O galego na onda’.

    Fonte: Xunta de Galicia

    23 de xuño de 2014

    A Consellería de Educación do Principado de Asturias blindará o ensino da lingua asturiana (ou, no seu defecto, da literatura e a cultura asturianas) en detrimento doutro segundo idioma, co fin de protexer este idioma e neutralizar “os efectos nocivos da LOMCE (Lei orgánica para a mellora da calidade educativa)”, segundo a Consellería.

    Fonte: El Confidencial

    23 de xuño de 2014

    Un 50,7 % dos cataláns maiores de 15 anos emprega o castelán como lingua habitual, case cinco puntos máis que no 2008, en tanto que o 36,3 % usa o catalán habitualmente, un punto máis que hai cinco anos. Este é un dos datos da Enquisa de Usos Lingüísticos da Poboación 2013.

    Fonte: El Periódico

    20 de xuño de 2014

    A compañía aérea TAP e a Fundación Calouste Gulbenkian de París uníronse para promover a lingua portuguesa en Francia por medio dun acordo de colaboración para o ano 2014.

    Fonte: Publituris

    20 de xuño de 2014

    Un grupo de cincuenta estudantes de secundaria manifestouse na cidade vascofrancesa de Baiona para reclamar o dereito a poder realizar os seus exames de bacharelato en éuscaro xa que é esta a lingua que se emprega nas súas clases ao longo de todo o ano académico.

    Fonte: Sud Ouest

    20 de xuño de 2014

    A plataforma de peticións en liña Change.or recolle unha campaña para que Tripadvisor permita escribir opinións en catalán. Orlando Barrial, o impulsor da petición, denuncia que intentou escribir un comentario no popular portal turístico para valorar un restaurante e atopouse coa negativa de Tripadvisor. Segundo Barrial, desde o portal chegoulle un aviso conforme o que escribira non se ía publicar porque estaba escrito en catalán.

    20 de xuño de 2014

    O Parlamento vasco reclamoulle ao Goberno que estenda o trilingüismo nas aulas vascas tendo en conta o éuscaro como lingua "preferente". A resolución non establece un calendario nin unha data límite de extensión do trilingüismo e fala de que esa ampliación se faga de forma progresiva.

    Fonte: El País

    20 de xuño de 2014

    A cantautora María Xosé Silvar, Sés, gañou o Premio Leixaprén 2014 de recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega, que conceden os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino.

    Fonte: Magazine Cultural Galego

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder