Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de xuño de 2014

    O "Manifesto 2014: 800 anos da lingua portuguesa" reunirá simbolicamente varios persoeiros de diversos países lusófonos para celebrar esta importante efeméride do portugués. A iniciativa será presentada na Feira do Libro de Lisboa e, en palabras dun dos seus dinamizadores, é un "grande abrazo entre todos os lugares nos que se fala o portugués".

    Fonte: Porto Canal

    13 de xuño de 2014

    O Ministerio de Cultura do Perú publicou, con ocasión do Día Nacional das Linguas Orixinarias, os contidos da Lei 29735 en edición bilingüe e nas cinco linguas orixinarias máis faladas do Perú: quechua, aimará, ashaninka, awajún e shipibo. Esta norma busca regular o uso, preservación, desenvolvemento, recuperación, fomento e difusión das linguas orixinarias.

    Fonte: Generacción

    13 de xuño de 2014

    O Concello de Fene organiza unha nova edición do seu “Verán Máis Alá!”, un espazo lúdico-educativo que ten como obxectivo facilitar unha alternativa de lecer educativo en galego e, ao mesmo tempo, promover a conciliación da vida familiar e laboral.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    13 de xuño de 2014

    Sociolingüistas, profesores universitarios e activistas a prol da lingua debaten sobre o presente e as posibilidades de futuro do galego na educación infantil.

    Fonte: Galicia Confidencial

    13 de xuño de 2014

    A Deputación Foral de Guipúscoa e a asociación de literatura infantil e xuvenil en lingua vasca Galtzagorri Elkartea subscribiron un convenio de colaboración para fomentar a afección á lectura.

    Fonte: Diario Vasco

    12 de xuño de 2014

    O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado polos secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente e da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González, asistiron ao recital poético do poeta sirio Alí Ahman Said Esber, Adonis.

    Fonte: Xunta de Galicia

    12 de xuño de 2014

    As actividades de dinamización lingüística "Os Bolechas e o Sabichón" e "As fabas máxicas" chegan esta semana a catro vilas pontevedresas e a tres ourensás da man do programa FalaRedes 2014, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    Fonte: Xunta de Galicia

    12 de xuño de 2014

    O Concello puxo en marcha unha campaña nos medios de comunicación (Udalean ere Euskaraz) para animar a cidadanía a relacionarse en éuscaro coa Administración municipal. O alcalde Juan Karlos Izagirre animou os donostiarras a vencer as súas resistencias a comunicarse neste idioma porque o 95 % dos funcionarios en postos de atención ao público poden relacionarse en ambos os idiomas, unha cifra que será do 100 % a finais de 2017.

    12 de xuño de 2014

    Este curso, algo máis de 450 nenos da comunidade estudan a materia extraescolar de aragonés en 20 vilas oscenses impartidas por sete docentes. Por contra, o número de escolares que estudan catalán en Aragón é máis de dez veces superior, xa que son máis de 5000 nenos os que aprenden esta lingua na actualidade.

    Fonte: El Periódico de Aragón

    11 de xuño de 2014

    Un estudo realizado pola oficina da comisaria da Lingua Galesa, Meri Huws, revelou que a maior parte dos falantes de galés reciben asistencia médica primaria en inglés. A investigación mostra que só o 28 % dos falantes de galés empregan a lingua cos seus médicos de cabeceira, dentistas e oculistas.

    Fonte: BBC

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder