Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de xuño de 2014

    A asociación do ámbito da educación Klub EduBreizh presentou o seu curso en liña gratuíto e interactivo (ou MOOC, polas súas siglas en inglés) de lingua bretoa. Os participantes poderán adquirir coñecementos básicos deste idioma durante as cinco semanas que dura o curso.

    Fonte: France 3

    11 de xuño de 2014

    Os equipos de normalización lingüística do instituto Félix Muriel, do colexio Xosé María Brea Segade e do Centro Rural Agrupado (CRA) de Rianxo deron a coñecer a publicación Creadores de Rianxo.

    Fonte: Diario de Arousa

    11 de xuño de 2014

    A comarca da Rioxa Arabesa xa conta cun documento estratéxico para pór en valor o éuscaro na rexión tras a aprobación das medidas propostas pola Comisión Asesora, que se prolongarán ata o ano 2017.

    Fonte: Noticias de Álava

    11 de xuño de 2014

    A Universidade de Massachusetts ofrecerá un minor en estudos cataláns a partir do próximo curso. Un minor é unha formación complementaria dentro dos estudos de grao nunha área de coñecemento diferente da que constitúe o núcleo principal dos estudos.

    10 de xuño de 2014

    Os Bolechas dan un paso máis na súa aposta por ofrecer novos contidos dirixidos ao público infantil nun formato que reúne diversión e aprendizaxe a partes iguais. Os irmáns lánzanse a aprender inglés e, grazas á Televisión de Galicia, os seus milleiros de fans poderán seguir as súas clases paso a paso e achegarse con eles á nova lingua dun xeito tan divertido como pedagóxico.

    Fonte: El Correo Gallego

    10 de xuño de 2014

    O Goberno dos Azores (Portugal) promoverá, no ano lectivo 2014/2015, a realización en varias illas de cinco cursos de lingua portuguesa para falantes doutras linguas residentes no arquipélago, anunciou o director rexional, Paulo Teves.

    Fonte: Local.pt

    10 de xuño de 2014

    O Instituto Internacional da Lingua Portuguesa (IILP) presentoulles os seus proxectos para a futura xestión conxunta da lingua portuguesa á ministra de Educación e ao ministro de Ensino Superior, Ciencia e Innovación de Cabo Verde, así como a outros altos representantes do país. Os proxectos son o Vocabulario Ortográfico Común (VOC) e o Portal do Profesor de Portugués como Lingua Estranxeira (PPPLE).

    10 de xuño de 2014

    Apple fixo público que incorpora 24 novas linguas de ditado nos seus sistemas operativos, entre as que estará o catalán. O anuncio farase público durante a presentación dos novos sistemas operativos de Apple, iOS 8 e OS X 10.10 Yosemiti, no marco do Congreso Mundial de Desenvolvedores de Apple.

    10 de xuño de 2014

    O Concello de Getxo marcouse a firme meta de impulsar o éuscaro no municipio e, para iso, sabe o importante que é o labor que realizan as distintas asociacións da localidade –na súa maioría de ámbito cultural- que teñen ese mesmo obxectivo. Así, o Consistorio axudaraas con máis de 181 521 euros.

    Fonte: Deia

    09 de xuño de 2014

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, abriu en Santiago a xornada de formación do programa audiovisual de dinamización lingüística "Nós tamén creamos!" deste curso 2013/2014.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder