Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    30 de abril de 2014

    As novas leis que proporá en breve o Goberno dos Países Baixos obrigarán as persoas que cobran axudas sociais a acadaren un nivel básico de neerlandés se non queren perder o dereito á prestación.

    Fonte: Iamexpat

    29 de abril de 2014

    O IES Luís Seoane, de Pontevedra, foi o gañador da fase final da terceira edición do Club de Debate, unha iniciativa promovida por diferentes servizos de normalización lingüística da Administración local co obxectivo de fomentar a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións entre o alumnado de ensino medio.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    29 de abril de 2014

    O presidente da Asociación Portuguesa de Escritores, José Manuel Mendes, reaccionou “con amargura” á morte do escritor e tradutor Vasco Graça Moura, que considera un importante referente da lingua portuguesa.

    Fonte: Jornali

    29 de abril de 2014

    O Correlingua percorrerá doce localidades galegas entre o 5 e o 16 de maio baixo o lema "Galego, o paso adiante" en diálogo aberto co escritor lugués homenaxeado este 2014, Xosé María Díaz Castro.

    Fonte: Correlingua

    29 de abril de 2014

    As persoas que este ano elaboren e defendan a súa tese de doutoramento en lingua galega poderán solicitar ata o 31 de outubro as axudas que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) convoca con ata 400 euros en forma de subvención directa para os gastos de fotocopiado e encadernación do traballo.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    29 de abril de 2014

    Falar e escribir unha lingua estranxeira e dominar as tecnoloxías son os novos requisitos que quere incluír o Ministerio de Educación nas oposicións a profesor. Os aspirantes deberán examinarse dunha proba de idioma estranxeiro oral e escrita e acreditar que teñen unha competencia dixital apropiada, independentemente do nivel da especialidade que impartan. Os idiomas e a tecnoloxía contarán máis que a experiencia docente.

    29 de abril de 2014

    A Universidade Pompeu Fabra publicou un estudo onde asegura que a lingua na que se formula un dilema ético intervén nas decisións morais que se adoptan. O informe, publicado na revista científica estadounidense en liña PloS ONE tamén sostén que o idioma inflúe na toma de decisións de carácter ético.

    Fonte: El Periódico

    28 de abril de 2014

    A poetisa Graciela Huinao, da etnia huilliche-mapuche, quere converter a Academia da Lingua de Chile no seu próximo campo de batalla cultural e social. Tras ser designada membro correspondente da entidade reitora a respecto da defensa do idioma castelán no país, a escritora dixo que entende que a súa misión é tamén defender e promover a súa propia lingua, o mapuche ou mapudungun.

    Fonte: Rotativo

    28 de abril de 2014

    A Asociación Comercial de Braga (Portugal), consciente do insuficiente domino das linguas estranxeiras dos profesionais do sector da restauración, lanzou un proxecto co que animan os restaurantes a presentaren os seus menús en linguas estranxeiras. Deste xeito, no ámbito deste proxecto, 36 restaurantes da rexión norte de Portugal ofrecen xa os seus menús en inglés, francés, español, alemán e portugués.

    Fonte: Correio do Minho

    28 de abril de 2014

    A Rede de Dinamización Lingüística, liderada pola Consellería de Cultura e Educación e da que forman parte máis de 150 entidades locais, pon en marcha a súa programación anual con dous obradoiros dirixidos a adolescentes. Trátase de actividades interactivas, que promoven a participación en galego dos asistentes, así como a reflexión sobre a lingua e o rexeitamento dos prexuízos que poidan inhibir o seu uso.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder