Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    23 de abril de 2014

    O Departamento de Cultura organizou diversos actos en Tarragona con motivo da celebración de San Jordi. Entre as actividades, hainas destinadas á cidadanía en xeral, aos nenos e tamén ás persoas que se atopan e hospitais e residencias.

    Fonte: Generalitat de Cataluña

    23 de abril de 2014

    Para todos os que anden á procura dunha alternativa libre e fiable a Windows, xa teñen dispoñible, e en galego, o Ubuntu 14.04 LTS.

    Fonte: Código Cero

    22 de abril de 2014

    O Goberno do estado de Alasca (EUA) aprobou un proxecto de lei que recoñece simbolicamente 20 linguas nativas como idiomas oficiais do estado.

    Fonte: Newsminer

    22 de abril de 2014

    Un informe elaborado por unha organización empresarial de Noruega mostra que as empresas norueguesas demandan tres veces máis solicitantes de traballo con coñecementos en alemán que aqueles que dominan outras linguas máis populares como o español. En Noruega, o español é a quinta lingua máis demandada polo sector empresarial, por detrás do inglés, o alemán, o polonés e o francés.

    Fonte: The Foreigner

    22 de abril de 2014

    O Servizo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos do Goberno vasco (Elebide) recibiu en 2013 un total de 304 queixas cidadás por vulneración de dereitos lingüísticos, o que supón un crecemento do 2 % en relación co ano anterior. O cambio máis significativo é o aumento de case o 23 % das reclamacións interpostas contras empresas privadas.

    Fonte: Deia

    22 de abril de 2014

    O Goberno central, a través do Ministerio do Interior, está adoptando unha serie de medidas para garantir a accesibilidade a colexios electorais nas próximas eleccións ao Parlamento Europeo e por iso prevé que as campañas institucionais informativas de diversos aspectos do proceso electoral se realicen con subtitulado e tradución á lingua de signos.

    22 de abril de 2014

    Oito protestas convocadas pola plataforma Queremos Galego percorrerán as rúas das principais cidades galegas e da bisbarra da Mariña lucense o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, nunha mobilización "expansiva" que busca "multiplicar" a defensa da lingua galega.

    Fonte: Galicia Hoxe

    21 de abril de 2014

    O presidente e o primeiro ministro interinos de Ucraína ofreceron reforzar os dereitos constitucionais de uso da lingua rusa nun esforzo por calmar as protestas separatistas dalgunhas rexións do leste do país.

    Fonte: Reuters

    21 de abril de 2014

    O viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno vasco, Patxi Baztarrika, destacou o que considera un dos puntos negros no longo camiño da euscaldunización: que só no 13 % dos fogares vascos se fala éuscaro, unha cifra que se eleva ao 20 % se contamos aqueles nos que se escoitan os dous idiomas oficiais.

    Fonte: El Correo

    21 de abril de 2014

    O Goberno de Mariano Rajoy quixo deixar claro que un cidadán "non ten dereito” a esixirlle á Administración española que se dirixa a el na súa lingua cooficial e que esta só pode empregarse ante a Administración cando a súa sede “estea situada nunha comunidade bilingüe”.

    Fonte: Deia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder