Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de abril de 2014

    O coñecemento do éuscaro continúa a súa progresión ascendente iniciada hai 30 anos, pero constátase un descenso do seu uso no fogar e nas relacións persoais dos vascos, segundo os datos achegados polo Mapa Sociolingüístico referido a 2011.

    Fonte: El País

    11 de abril de 2014

    A Comisión de Educación do Congreso aprobou unha iniciativa que lle pide ao Goberno que á hora de proceder á internacionalización das universidades se teñan en conta as linguas cooficiais, como por exemplo o catalán.

    Fonte: Ibercampus

    11 de abril de 2014

    O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza unha nova edición do programa de dinamización lingüística Galegote Rock, deseñado para promover os grupos musicais que cantan en galego e fomentar o uso deste idioma nas actividades de lecer da xuventude. Galegote Rock é un programa de concertos que se celebrará os vindeiros días 24, 25 e 26 de abril nas salas Karma e Pequeno Karma, en Pontevedra.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    10 de abril de 2014

    Os Premios á Calidade Lingüística destacarán os mellores traballos académicos, proxectos de fin de carreira (PFC) ou traballos de fin de grao (TFG) e os mellores traballos de fin de mestrado (TFM) redactados en galego neste curso académico 2013-2014.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    10 de abril de 2014

    O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña convoca o I Concurso de Monólogos en Lingua Galega, co obxectivo de promover o uso do galego entre a comunidade universitaria e premiar a súa creatividade e calidade lingüística.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    10 de abril de 2014

    O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou no Parlamento de Galicia que é prioridade e responsabilidade do departamento que dirixe garantir unha axeitada oferta de cursos para a obtención do certificado Celga”, un total neste momento de 91 cursos con 1910 alumnas e alumnos.

    Fonte: Xunta de Galicia

    10 de abril de 2014

    O 91,3 % dos 39 315 alumnos de Infantil e Primaria da provincia de Castellón cursa liña en valenciano, segundo os datos da Consellería de Educación. No entanto, na Universidade Jaume I a docencia de castelán é maioritaria, co 74,39 % dos créditos impartidos, segundo o informe das linguas da docencia da Universidade.

    Fonte: El Periódico Mediterráneo

    10 de abril de 2014

    Escola Valenciana levará a cabo un peche para protestar contra a supresión de unidades educativas en valenciano na escola pública a raíz do arranxo escolar do curso 2014/2015 e «en solidariedade cos máis de 130 centros que se verán afectados».

    Fonte: Levante-emv

    09 de abril de 2014

    O Parlamento de Crimea aprobará en breve a súa nova constitución, adaptada ao marco legal da Federación Rusa e, aínda que non prevé ningunha autonomía territorial para os seus pobos, manterá a tripla oficialidade do ruso, ucraíno e tártaro.

    Fonte: Nationalia

    09 de abril de 2014

    O partido galés Plaid Cymru defende que o alumnado de primaria debería recibir ensino en tres linguas e presentou un informe que analiza modelos europeos de ensino onde está normalizada a aprendizaxe de varias linguas en idades temperás. Os membros deste partido apostan tamén por mellorar o ensino da lingua galesa nas escolas.

    Fonte: BBC

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder