Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    19 de marzo de 2014

    Microsoft e a Asemblea de Gales presentaron un novo sistema de tradución que aspira a incrementar o uso da lingua galesa nas novas tecnoloxías. O sistema integra ferramentas e aplicacións que recoñecen e traducen texto doutras linguas ao galés.

    Fonte: BBC

    19 de marzo de 2014

    O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, en colaboración coa Universidade de Vigo, organiza o concurso "Gústame o galego" nos centros de ensino. O certame está dirixido ás escolas infantís, escolas e centros de educación infantil e centros de todos os niveis do ensino obrigatorio, de bacharelato e de formación profesional do ámbito territorial do concello de Vigo, así como á Universidade de Vigo.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    19 de marzo de 2014

    A Concellería de Normalización Lingüística vén de convocar o I Concurso de vídeo-creación no que poderán participar alumnos dos centros de ensino galegos ata o vindeiro 2 de maio. O obxectivo do concurso é promover o uso do galego na comunidade educativa e na súa contorna procurando asemade unha maior difusión e valoración dos traballos audiovisuais escolares que se encamiñan a este mesmo fin.

    Fonte: Concello de Santiago de Compostela

    19 de marzo de 2014

    As rúas e os parques de San Sebastián son o escenario dos xogos diarios de moitos dos máis pequenos, e para que nesas tardes de entretemento infantil o éuscaro estea cada vez máis presente, o servizo de éuscaro do concello puxo en marcha o programa Parketarrak, xunto con Urtxintxa Eskola e as comisións de éuscaro dos distintos barrios da cidade.

    Fonte: Diario Vasco

    18 de marzo de 2014

    Unha manifestación percorrerá as rúas de Belfast para esixir que se aprobe unha lei que garanta os dereitos lingüísticos dos falantes de gaélico en Irlanda do Norte. A marcha está organizada polo grupo en apoio da lingua irlandesa Conradh na Gaeilge.

    Fonte: BBC

    18 de marzo de 2014

    TravelAlaska.com, o sitio web oficial de turismo do estado de Alasca (EUA), acaba de estrear a súa páxina en lingua española e complementa as versións en inglés, alemán, xaponés, coreano e chinés.

    Fonte: Los Angeles Times

    18 de marzo de 2014

    “Unha noite no museo...”. Ese debe ser o encabezamento en todos os textos narrativos que se presenten á cuarta edición do concurso de microrrelatos do Concello de Fene.

    Fonte: Diario de Ferrol

    18 de marzo de 2014

    A comarca de Ondarroa-Markina presenta o maior número de alumnos que seguen os seu estudos en éuscaro en todas as comarcas vascas. Segundo un estudo realizado polo Goberno vasco, as maiores porcentaxes danse nas comarcas de Markina-Ondarroa (97 %), Plentzia-Mungia (96 %) e Gernika-Bermeo (88 %).

    Fonte: Diario Vasco

    18 de marzo de 2014

    Uns corenta termos foron incorporados recentemente ao catalán froito do labor de fixación terminolóxico do Consello Supervisor do TERMCAT. Estes termos foron normalizados durante o segundo trimestre do ano de 2013 e acaban de saír publicados no Diario Oficial da Generalitat de Cataluña.

    17 de marzo de 2014

    Ante a crise internacional xerada arredor de Ucraína, Rusia propón que este país eslavo se converta nun estado federal que se declare "neutral militar e politicamente" e onde o ruso sexa recoñecido coma "segunda lingua oficial", a carón do ucraíno.

    Fonte: Nationalia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder