Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    17 de marzo de 2014

    Unha comunidade do pobo sahtú, dos Territorios do Noroeste de Canadá, ratificou en referendo un acordo de autogoberno con Canadá que lle permitirá dispor de capacidade lexislativa e competencias en lingua, cultura e servizos sociais, entre outros. A Constitución do novo Goberno prevé que as institucións funcionen co inglés e o sahtú como idiomas oficiais. Todos os cidadáns do pobo deline terán dereito a se comunicaren coas institucións gobernamentais en calquera das dúas linguas.

    Fonte: Nationalia

    17 de marzo de 2014

    China mostra cada vez maior interese pola lingua portuguesa e pretende transformar Macau nun centro de excelencia de ensino da lingua, declarou a académica Carmen Mendes, en Coimbra.

    Fonte: Notícias ao Minuto

    17 de marzo de 2014

    O borrador da nova lei de linguas oficiais de 2014 do Goberno da República de Irlanda incluirá a supresión da obrigatoriedade de publicar en gaélico irlandés os documentos que anuncien propostas de carácter lexislativo.

    Fonte: The Irish Times

    17 de marzo de 2014

    A Consellería de Traballo e Benestar convoca probas de avaliación en diferentes competencias clave, entre as que se atopa a comunicación en lingua galega, para o acceso ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    17 de marzo de 2014

    A Deputación de Xirona publicou unha web de lingua para difundir o bo uso do catalán que contén a información do Libro de estilo da Deputación, editado en 2011. O libro recolle tanto criterios de presentación de textos, orientacións de estilo e convencións diversas como consellos para axudar na redacción de documentos administrativos e protocolarios.

    14 de marzo de 2014

    Co obxectivo de levar a cabo os programas que fomenten o coñecemento e o uso do éuscaro tanto no territorio histórico como en Treviño, o Goberno foral destinará 233 000 euros para a contratación de persoal técnico.

    Fonte: El Diario

    14 de marzo de 2014

    A CNSE, Confederación Estatal de Persoas Xordas, manifestou a súa satisfacción ante a publicación no BOE do Real decreto 126/2014, de 28 de febreiro, que fixa que as administracións educativas, e no seu caso os centros, poderán ofrecer materias relacionadas coa aprendizaxe da lingua de signos española e a lingua de signos catalá en Primaria.

    14 de marzo de 2014

    A relación xenética dos nativos de América do Norte e os pobos indíxenas da Siberia rusa xa foi establecida polos científicos. Agora un novo estudo afirma que tamén existe unha conexión lingüística entre eles.

    Fonte: RT

    14 de marzo de 2014

    En México existen 143 linguas indíxenas, das cales 21 están en perigo de extinción. Por exemplo, o ayapaneco de Tabasco, que só falan dous adultos da terceira idade, seguido do kiliwa de Baixa California con 36 falantes.

    Fonte: Investigación y Desarrollo

    13 de marzo de 2014

    Un total seis mozos e mozas gañaron coas súas mensaxes de amor na rede o certame ‘Lingua de namorar’, convocado polas consellerías de Traballo e Benestar e Cultura e Educación e, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, respectivamente.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder