Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de xaneiro de 2014

    Euronews anunciou o lanzamento dunha canle africana de noticias en varios idiomas, incluíndo o portugués. O novo proxecto, chamado Africanews, terá a súa sede en Brazzaville, a capital da República do Congo.

    Fonte: tvi24

    27 de xaneiro de 2014

    O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo organiza un fantástico obradoiro de nanas en lingua galega impartido por Xabier Díaz.

    Fonte: Que Pasa na Costa

    27 de xaneiro de 2014

    O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes presenta a campaña de dinamización lingüística “En galego, o mellor sabor”, que desenvolverá en colaboración cos concellos de Ordes, Frades, Oroso, Cerceda, Tordoia e Trazo.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    27 de xaneiro de 2014

    A produtora Disney fixo unha versión en 25 linguas diferentes da canción Let it go da súa película Frozen, o reino de xeo. As outras linguas que aparecen son inglés, francés, alemán, holandés, chinés mandarín, sueco, xaponés, español, danés, búlgaro, noruegués, tailandés, entre outras.

    27 de xaneiro de 2014

    Garantir o dereito dos cidadáns a que poidan escoller o idioma oficial que desexen na súa relación coa Administración e construír un bilingüismo sostible e equilibrado. Estes son os obxectivos que se marcou o Goberno vasco á hora de desenvolver o quinto Plan xeral de normalización do uso do éuscaro, que terá unha vixencia de cinco anos.

    Fonte: Deia

    24 de xaneiro de 2014

    Segundo o Centro Nacional de Linguas do País de Gales, as escolas de ensino primario deberían impartir linguas estranxeiras para potenciar a súa aprendizaxe en etapas educativas posteriores. As cifras oficiais do Goberno galés mostran unha forte caída das matrículas en linguas estranxeiras no ensino secundario.

    Fonte: BBC

    24 de xaneiro de 2014

    Nun debate da Asemblea do País de Gales, o parlamentario do partido nacionalista Plaid Cymru, Simon Thomas, fixo un chamamento ao Goberno galés para que actúe co fin de garantir o florecemento da lingua galesa.

    Fonte: BBC

    24 de xaneiro de 2014

    O Departamento de Éuscaro do Concello de Pasaia lémbralles aos comerciantes que, ademais da axuda que ofrece para pór en éuscaro os avisos e escritos, tamén ten á súa disposición, «de forma totalmente gratuíta», os carteis de rebaixas e outros materiais que se utilizan nesta época.

    Fonte: Diario Vasco

    24 de xaneiro de 2014

    O Concello de San Sebastián incrementou nun 2,5 % o orzamento para o departamento de éuscaro ata acadar os 2,5 millóns de euros, unha suma na que salienta a partida dedicada ao Plan de acción para aumentar o uso desta lingua en todos os ámbitos que ascende a 828 000 euros.

    Fonte: Diario Vasco

    24 de xaneiro de 2014

    Durante un encontro co seu homólogo británico, Michael Gove, o ministro de Educación e Ciencia, Nuno Crato, propuxo a formación de profesores británicos para fomentar o ensino da lingua portuguesa no Reino Unido.

    Fonte: Jornal de Notícias

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder